QUEREMOS ABRIR O APETITO POLA LECTURA

E para iso, mostrarémosvos aquí as nosas suxestións de cociña, un menú mensual con recomendacións para todos os gustos: para cando só apetece picar un pouco, para fartarse de historias, para alimentar coñecementos e o pensamento crítico, para repousar despois da fartura....

CADA MES, ENTRE OUTRAS NOVAS, PUBLICAREMOS AQUÍ AS NOSAS SUXESTIÓNS DE COCIÑA
e, por suposto, lembrade que sempre podedes acceder ao noso catálogo completo, para os/as que preferen ler á carta...

ver catálogo da biblioteca
Que agora sí, por fin, está completo e á vosa enteira disposición


lunes, 30 de agosto de 2010

Recomendados de Setembro e Outubro

Ola lectores de Parada de Sil:
Aquí tedes algunha suxerencia de lectura, pasádevos pola biblioteca de Parada de Sil

- Mosteiros e Conventos da Península Ibérica.Ed. Hércules de Ediciones. 310.pp
- 100 rutas en bicicleta de montaña por la naturaleza española. Ed. Guias Espasa. 425 pp. Para os amantes do deporte e da natureza aquí tedes as mellores rutas para facer en bicicleta.
-Dez Negriños de Agatha Christie, Ed. Galaxia, 221 pp. Un dos mellores libros de suspense desta afamada escritora.
-Tenko de Anthony Masters e Michael Hardwick, Ed. Planeta, 413 pp. O libro conta a loita pola supervivencia dun grupo de mulleres nun campo de concentración xaponés.
-A cociña de outono de Pepe Iglesias. Ed. Xerais, 285 pp. Se vos quedades sen ideas para a cociña aqui tedes algunha suxerencia.
-Guia de campo de los hongos de Europa de J.E. Lange, ed. Omega. Con 633 especies de hongos descritas e ilusrtradas en color.
-Cogomelos de Galicia de J.M.C. Marcote e M.Pose, Ed. Xunta de Galicia, 592 pp. Un auténtico manual de campo tanto para especializados no mundo dos fungos como para principiantes.

martes, 13 de julio de 2010

RECOMENDADOS DE XULLO

Entremeses

E mirarémo-las ondas! Once cantigas do mar de Vigo. Mendinho, Martín Códax e Joan de Cangas. En edición de Xosé María Álvarez Cáccamo e Xosé María Álvarez Blázquez. Espiral Maior poesía, 1998.

i é que un entremés clásico, digamos un pouquiño xamón da casa ou un anaco de boa empanada, é agoiro e sinal de bó xantar. Así que o noso primeiro entremés propónvos emoción medieval intacta, "Eno sagrado en Vigo/ bailava corpo velido/ Amor ei!"

Primeiros pratos

A Cociña do verán. Receitario estacional da cociña galega. Pepe Iglesias. Xerais, 1995
Que sepan os que non son moi afeizoados/as a cociñar, que con este libro saciaránse só con ver as fotos. Todo apetitoso, algunhas elaboradas de mais, pero en calquera caso probade a levalo prá casa e variar un pouquiño as receitas. Lembrámosvos que hai que devolver todos os libros en perfecto estado, así que non o traiades con lamparóns de graxa

Segundos pratos

Chandrexa de Queixa, patrimonio natural. Luis José Míguez Rodríguez. Deputación de Ourense, 2010, 414 pp. Arrecende a novo, recén publicado ofrecémosvos este volume sobre a Serra de Queixa. É un segundo prato con sustancia e alimento, así que preparádevos para un texto algo árido pero con moitísima información. Destacan os datos climáticos e desde logo as fotografías e información botánicas. Tédeo en conta.


El monasterio Santa María la Real de Oseira. Economía y contabilidad monásticas en la transición del antiguo al nuevo régimen. Dolores Rivero Fdez et al. , Deputación de Ourense, 2005, 189 pp. Mágoa que as autoras, na súa maioría mulleres, decidiran comezar as súas investigacións sobre contabilidade e economías monásticas a partir dos rexistros conservados en Oseira e non na Ribeira Sacra, aínda así resulta moi interesante. A maioría dos rexistros son dos séculos XVII-XIX, e detallan ingresos e gastos en centeo, trigo, viño, contabilidade dos fornos, etc. Para imaxinarse con mais detalle a vida monacal.


Menú infantil

O libro dos Porcos, de Anthony Browne, editado por Kalandraka. Sin límite de edade. Deseñado para mais agobiadas polas tarefas e a pouca axuda, ou para nenos e maridos que non consideran que haxa que axudar moito na casa.... Porque desto sempre nos fai falta

PRESENTACIÓN DO LIBRO DA CASTAÑA

Aquí tedes a reportaxe sobre a presentación do libro que, en edición non venal (así que nn esperedes poder compralo) presentóuse onte día 12 no Mosteiro de Santa Cristina. En cuestión de días estará á vosa disposición na biblioteca, por suposto.

(Facede Click no título para ver video)

viernes, 9 de julio de 2010

PENURIA DAS CONEXIÓNS

Queridas e queridos, temos dificultades técnicas de difícil comprensión a estas alturas, segunda década do século XXI.

As conexións de Internet Rural, pola rede Tam Tam da Deputación de Ourense, non nos permiten desde a biblioteca acceder ao blog.

Suplímolo con vontade e imaxinación, pero esta é a razón de que non vos teñamos actualizados os menús.

Este é o tipo de entradas que agradecen os vosos comentarios. ¿Hai alguén aí?

sábado, 19 de junio de 2010

Actividades Verán 2010

Actividades Verán 2010 en Parada de Sil:

Obradoiro de Manualidades e actividades deportivas para os cativos.
-Martes e xoves de 18 a 20 h. nos meses de xullo e agosto.

10 de Xullo. Danthea Teatro. Ás 19.00 h. na Praza Campo da Feira.
-Monicreques. Carapuchiña vermella ou o conto do lobo.

23 de Xullo. Asdúas. Ás 20.00 h. na Praza Campo da Feira.
-Música. Asdúas, dúo de acordeóns.

20 de Agosto. Conta e Canta. Ás 19.00 h. na Praza Campo da Feira.
-Narración oral. Contos das estacións.

27 de Agosto. Ás 23.50 na Praza Campo da Feira.
-Música. Trío Siboney, música de Cuba

Este calendario poderá ser modificado pola ampliación de actividades.

miércoles, 9 de junio de 2010

Recomendados de Xuño

Recomendados de Xuño:

-Crónicas desde la Ribeira Sacra.Entre dos mundos ,de Antonio Carreño Ed. Deputación Provincial de Ourense,260pp.Este libro recolle as publicacións no xornal la Región de Antonio Carreño, veciño de Parada de Sil a quen o concello lle fixo unha homenaxe no día das letras galegas.

-Guia das plantas de Galicia, de Xosé Ramón García, Ed.Xerais. Unha das máis completas guías de plantas e flores, tanto para saber as súas características coma os mellores meses para sementar etc.

-Veña Carrabouxo, de Xosé Lois González Vázquez,Ed. Deputación Provincial de Ourense,430 pp. Os que queirades disfrutar deste personaxe de ficción que leva convivindo a cotío cos ourensáns dende o ano 1982 pasade pola biblioteca de Parada de Sil.

-A casiña de chocolate, de Xoan Couto, Kalandraka Editora,18 pp, para os máis pequenos esta bonita historia de Hänsel e Gretel, onde nos conta como lograron sobrevivir despois de que a madrastras os abandonara no medio dun monte.

d

III Concurso Fotográfico Rosa Pons Fábregas

III Concurso Fotográfico Rosa Pons Fábregas "Visións de Parada de Sil"

O Concello de Parada de Sil convoca a III edición do Concurso Fotográfico "Visións de Parada de Sil", co fin de fomentala creatividade e dar a coñecer ó público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do concello de Parada de Sil.

Máis información en:
www.paradadesil.com
www.ourodosilac.org
Tel.616516238

domingo, 2 de mayo de 2010

Recomendados do mes de Maio

Ola lectoras e lectores da biblioteca de Parada de Sil, para este mes no que celebramos o día das letras galegas, o menú de lectura preparámolo en galego.

-"Os eidos, libro do courel",(200 pp) Ed. Xerais de Galicia, de Uxío Novoneyra, nacido no Courel e considerado un dos mellores poetas galegos con obras como "Do Courel a Compostela", "Muller pra lonxe "etc. A Real Academia Galega acordou adicarlle o día das letras galegas 2010.

-"O muiñeiro ouveador"(269 pp) Rinoceronte Editora, de Arto Paasilinna, onde non conta a historia de Gunnar Huttunen, que chega a unha vila perdida de Laponia e decide poñer un vello muíño a funcionar. Os veciños pensan que só a un tolo se lle ocorrería afrontar este proxecto, por isto e polo seu defecto de ouvear polas noites intentarán metelo nun manicomio. Gunnar terá que defender a súa liberdade con todas as súas forzas axudado pola adorable Sanelma Käyrämö.
Este libro non está non fondos da biblioteca pero estará a vosa disposición todo este mes.

-"O barquilleiro, vendedor do olvido", (82 pp) Editorial Toxosoutos, de Martín Álvarez González e Mª Carmen Jiménez Paz. Se aínda non tiveches oportunidade de ler este libro pásate pola biblioteca da Parada de Sil para coñecer un dos oficios máis significativos do noso concello.

-"O sorriso de Daniela", (34 pp) Editorial KalandraKa, de Carmen Gil, unha historia para os máis cativos, onde nos conta como o sorriso dunha rapaza voa ata pousarse nos corazóns que están tristes e lles devolve a alegría e a risa.

viernes, 23 de abril de 2010

Celebración do día do libro

Celebración do día do libro:

25 de Abril ás 12,30 na biblioteca de Parada de Sil.

-Presentación do Libro Viaxeiro, escrito polos nenos do concello.

-"Le connosco". O conto "O anano saltarín" contado por unha nai.

Achégate a biblioteca de Parada de Sil !!!

jueves, 8 de abril de 2010

Recomendados de abril

Este mes celébrase o día do libro, aquí tedes algunhas suxerencias da biblioteca de Parada de Sil:

Querida amiga de Marina Mayoral, Editorial Galaxia, 104 pp, relatos curtos onde nos conta historias cheas de ternura e sensibilidade.

Xoguetes e sons da natureza, elaboración de materiais para o seu aproveitamento didáctico, Xunta de Galicia, libro co cal podemos aprender a crear xogutes a través de cousas da natureza, por exemplo, un asubío, unha boneca, un axóuxere. A combinación xoguete, xogo e natureza son, sen dúbida, o cerne da creatividade da infancia e xuventude.

29 historias disparatadas de Úrsula Wölfel, Editorial Kalandraka, 63 pp, Con elas continúa a serie que iniciou con "27 historias para tomar a sopa" e as "28 historias para rir". Dende unha familia que non paraba de discutir ata quedar conxelada ata unha piruleta que engorda. Merece a pena botarlles unha ollada.

Pucho, o habitador dos tellados de Manuel Janeiro, Editorial kalandraka, 78 pp, relato para os máis cativos.

domingo, 21 de marzo de 2010

Exposición "Historia do libro, o libro na escola"

Exposición " Historia do libro, o libro na escola"
"A escola non sempre foi así...."

Lugar: Centro comarcal Terra de Caldelas.
Duración: Marzo e Abril 2010.

Organizada polo Centro Comarcal e a Asociación Cultural " O Irrio".

Pasádevos a vela!!!

viernes, 12 de marzo de 2010

Exposición Ruth Mathilda Anderson

¿Que aínda non tivestes tempo de pasar pola Coruña para ver a exposición que xa anunciamos aquí??

A cousa é certamente grave, pero tedes dúas solucións:

a) Acercarvos á Coruña (Está na Fundación Caixa Galicia), porque ten tanta afluencia de público que a prorrogaron ata Abril

b) Acercarvos á biblioteca de Parada, e polo menos poderedes mirar o catálogo a partir da próxima semana.

E é que todo ten remedio

A morriña da terra de Caldelas

Aquí tedes un artigo aparecido no Xornal de Galicia o pasado Sábado, por Eduardo Prieto Casares. Hai imaxes que convocan palabras e hai palabras, como as deste texto, que vos convocarán mil imaxes

(Pinchade no título morriña para acceder)

lunes, 1 de marzo de 2010

RECOMENDADOS PARA MARZO

Lectoras e lectores da Biblioteca de Parada de Sil, aquí tedes algunhas suxestións de lectura para o mes de marzo:

"Donde el corazón te lleve", de Susana Tamaro, unha das mellores novelas dos anos 90, nela unha avóa diríxese a súa neta Marta, a que criou dende pequena, e explícalle como é a vida en Trieste agora que ela está lonxe e a historia da súa familia. Tamén estará á vosa disposición aínda que non estea nos fondos da biblioteca "Escucha mi voz", tamén de Susanna Tamaro, onde conta a volta de Marta a Trieste e como un día que sobe o deván da súa casa atopa as pegadas das dúas persoas máis importantes da súa vida: o seu pai e a súa nai. Entre bauis, cartas e cadernos recompón as pezas dun mosaico xeneracional e emprende unha viaxe cara os orixes da súa fraxilidade.

Para os que queirades ler en galego "O atentado" de Xosé Fernandez Ferreiro, onde nos conta a través do protagonista o conflito que supuxo para moitos galegos deixar a súa terra para marchar a traballar fóra.

E para os máis cativos "Polgariño" onde nos conta as trasnadas do máis pequecho da familia.

Animádevos a pasar pola biblioteca de Parada de Sil!!!!

domingo, 28 de febrero de 2010

Presentación do libro do Barquilleiro en Xantar


O vindeiro 6 de marzo ás 12 h. terá lugar a presentación do libro " O Barquilleiro, vendedor d´olvido" na Feira Xantar en Ourense. O libro foi escrito polo profesor Martín Álvarez e pola historiadora Mª Carmen Jiménez homenaxeando así unha profesión vital en Parada de Sil e noutros concellos da provincia. Ó remate do acto haberá un pincho á cargo do Consorcio na caseta do Consorcio da Ribeira Sacra.

domingo, 14 de febrero de 2010

Concurso "Píntame un conto"

Concurso adicado ós cativos. Pasádevos pola biblioteca de Parada de Sil e explicámosvos como tedes que facer para participar. Haberá premio....

Pasádevos pola Biblioteca de Parada de Sil; aquí estamos, para o que queirades.

"O libro viaxeiro"

Na biblioteca de Parada de Sil os cativos poderán escribir o seu propio libro. O libro viaxeiro irá polos fogares dos máis pequenos para que lle boten imaxinación e creen unha historia. Estará a disposición na biblioteca, así que se queres participar pásate por aquí.

Animádevos a pasar un bo rato!!!!

Os fiadeiros da Biblioteca

Atención fiadeiras !!!!

Volven os fiadeiros da biblioteca, coma sempre o 1º e 3º venres de cada mes en horario de 16:30 a 18 h. Comezamos o vindeiro 19 de febreiro.

Non volo podedes perder, acercádevos a biblioteca de Parada de Sil.

domingo, 7 de febrero de 2010

Novo horario da biblioteca

Ola lectores e lectoras da biblioteca de Parada de Sil, como xa vos fomos adiantando aqui estamos de novo á vosa disposición. O horario definitivo é o seguinte:
Martes a Venres: De 15 a 19 h.
Sábado e Domingo: De 10 a 14 e de 15 a 19 h.
Ó longo desta semana xa vos iremos informando do horario dos fiadeiros e de novas actividades que estamos programando.

jueves, 21 de enero de 2010

Desculpas pola inactividade do blog

Queridas e queridos lectores, cuestións de saúde impedíronnos a actividade da biblioteca e do blog durante os últimos dous meses, pero aquí stamos de novo, esperando poder reanudar pronto os fiadeiros e falando de libros coma sempre.

A partir de agora a biblioteca estará aberta todos os días pola tarde de 4 a 7 (e haberá caras novas, pasádevos), e as fins de semana de mañá e de tarde. Para o que precisedes.

sábado, 14 de noviembre de 2009

Atención fiadeiras

Imos cambiar o horario dos fiadeiros no inverno, así que a partir do próximo, o vindeiro sábado 20 de Novembro, xuntarémonos as catro e media da tarde, e continuamos así cada primeiro e terceiro venres de mes.

Presentación Terra do Millo

Para os que vos perdestes as presentacións-coloquio do documental Terra de Millo, dirixido por Patxi Bisquert, en Parada de Sil ou en Castro Caldelas, sabede que aínda estades a tempo no Mosteiro de Montederramo o vindeiro sábado 28 de Novembro ás seis e media da tarde. Nun entorno de luxo, ademais, como é a sala audiovisual no coro do mosteiro. Porque a periferia tamén produce cultura.

viernes, 13 de noviembre de 2009

Exposicións que non vos podedes perder

Xa comezou o Outono fotográfico, así que no Centro Comarcal da Terra de Caldelas, en Castro Caldelas, podedes contemplar ata o 30 de Novembro as fotografías de Castor Villar Sabucedo, "Contrastes". Do 1 ata o 14 de Decembro, "antigos soños de mulleres kichwas", da ONG Paz e desenvolvemento.


E se ides pasar pola Coruña antes do 28 de Febreiro, non vos perdades as fotografías de Ruth Mathilda Anderson na Fundación Caixa Galicia (ise edificio con ascensor acristalado exterior que está no Cantón Grande). Son fotografías tomadas en Galicia nos anos 1924-1926. Sabemos que entre os fondos desta magnífica colección hai fotografías antigas do Castro e unha que retrata a dous barquilleiros nenos en Santiago de Compostela. Colocade aquí os vosos comentarios se xa a vistes, paga a pena. + info, calca aquí

viernes, 6 de noviembre de 2009

Andaina da castaña

A próxima fin de semana celébrase á III Andaina da Castaña, organizada pola Asociación Cultural Ouro do Sil, que percorrerá 18,5 Km na ruta do Canón do Sil a Santa Cristina.

O equipo de fútbol leva cinco partidos invicto

¿Qué ten que ver o fútbol coa biblioteca? Que todo está en Parada de Sil. Levamos catro partidos gañados e conco empatados. Dávos tempo a pasar o sábado a animar no próximo e levar algo da biblioteca, que estará aberta. E desde aquí ánimo ao equipo no seu segundo ano.

RECOMENDADOS PARA NOVEMBRO

¿Queredes menú ou queredes carta? Á carta, podedes ler moito e bon, ben o mirades vós directamente no catálogo publicado en Internet, ben pasades por aquí e se vos recomenda persoalmente, que ventaxas ten isto das bibliotecas pequenas e a densidade de poboación que temos. En calquera caso, se queredes menú, isto é o que a biblioteca recomenda para ler no mes de Novembro

  • Entremeses



Este mes, un entremés en verso, como ven sendo habitual, pero ben substancioso: Propoñémosvos a tetraloxía de Millán Picouto, Ciclo de Mercurio, Ciclo de Venus, Ciclo da Terra e Ciclo de Marte. Propoñémosvos ler teatro, e ademais en verso. Cada volume recolle varias pezas dramáticas dunha potencia desbordante (é outra cousa, o teatro en verso, ten unha sonoridade e unha resonanacia que non se conseguiría doutra maneira). É unha obra monumental (falamos de catro volumes) e moi densa, moi para ir de vagar.




Primeiros pratos

Comezaremos por unha recopilación de relatos do ano 1984, titulado xenéricamente Medusa, orixe da colección de narrativa do mesmo nome da Editorial Sotelo Blanco. Nel escriben Anxel Fole, Gonzalo R. Mourullo, Xosé M.Martínez Oca, Xoán Ignacio Taibo, Claudio Rodríguez Fer, Xaquín do Valle-Inclán, e X.Enrique Monteagudo. Unha edición feita con agarimo, ilustrada por Concha Pazo, en 113 páxinas que vos sorprenderán. Por se non tedes tempo ou non puidestes rematar a tempo os entremeses deste mes.





Teoría de Galicia. Obra xornalística en Vida Gallega (1926-1963), RAMÓN OTERO PEDRAYO (Galaxia- Alvarellos, Santiago, 2007). 391 pp. Recopilación de artigos cunha introducción de Marcos Valcárcel. Transcribimos a Don Ramón:
" Eu teño fe no pobo. ¿Que se le vai facer? Supoño que haberá dereito a ceibarse do xeometrismo inspirador da ideoloxía da Gaceta Literaria. E sentir a materia rebento xerminal, insospeitado do pobo ignorante de teoremas, de cristiás marxinacións matemáticas e desa protección na que quere pechar ó mundo a mocidade da Gaceta. Proxección de Mercator"
¿Temos ou non temos fe no pobo?
¿Son o non son actuais estes artigos?
Comentarios ao final da entrada



Segundos Pratos


La marca del agua de SANTIAGO PALMEIRO (Deputación Provincial deOurense, 2009), 404 pp. Novidade que chegou recentemente á biblioteca, este libro novela o drama da expulsión da xente pola construcción de encoros, a desaparición da aldea, o traslado, e indaga no proceso que se viviu en moitas das nosas aldeas desde o anuncio da construcción ata o desaloxo. Sen entrar na súa calidade literaria, aquí tedes un testimonio ou unha lembranza do que se lles puido pasar pola cabeza. Un tema que tampouco caduca.





Brigada Lincoln, de JAVIER GUZMÁN, Linteo, Ourense, 2000, 358 pp. Esta novela, escrita en castelán e gañadora do X premio Torrente Ballester de Narrativa. Personalmente me encanta o estilo, unha especie de xogo continuo coa linguaxe e un ritmo que non se perde. Ritmo como musicalidade, como cadencia. Humor, intriga, pensade que as noites son longas e que vades precisar unha novela de estas que se deixa ler, que te leva e te sonríe. Unha edición estupenda, ademais, como todas as de Linteo. Espera por vós na biblioteca.




Sobremesa



Crónicas da represión lingüística. Libro + DVD . Unha crónica audiovisual de Xan Leira. Coa colaboración fotográfica de José Luis Abalo. Interveñen, entre outros, Xesús Alonso Montero, Antón Costa Rico, Henrique Monteagudo, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Xosé M. Fernández Cid, Francisco Fernéndez del Riego... etc. Hai cousas que convén non esquencer.







Menú infantil


Max e Moritz. Historia de dous pillos en sete trasnadas, de Wilhelm Busch, Linteo, Ourense, 2001. Poderiámolo recomendar polas ilustracións, pola fermosa edición ou polo humor que seguramente comprenderán mellor os vosos fillos ca vós. Pero ímolo recomendar pola calidade da traducción de Luciano Fernández de Sanmamed que permite gozar da rima durante todo o texto. Máis risas para os pequenos, que conectan enseguida coa rima consonante, e unha porta que lles abrimos para o disfrute da poesía e da musicalidade do texto. Comeza así: !!ai Señort, o que se escoita/ e a falar e ler se adoita,/ sobre pillos falcatrueiros,/malmandados e argalleiros!!/ como estes dous malvados;/ Max e Moritz son chamados."

viernes, 16 de octubre de 2009

Obradoiro de postais de Nadal

O concello de Parada de Sil organiza un ano máis o obradoiro de postais de Nadal, para que cada veciño e veciña reciba na súa casa unha postal feita a man. O obradoiro, que xa ten tradición, comezará o vindeiro xoves 22 de Outubro e terá lugar semanalmente, no edificio do Concello, de 16:30 a 18:30. Animádevos a participar!

viernes, 9 de octubre de 2009

NOVO INTERCAMBIO DE LIBROS

O vindeiro 24 de Outubro, Sábado, celébrase o Día da Biblioteca, así que en Parada propoñémosvos que reservedes ese día (ou o seguinte, Domingo) para facernos unha visita, pero desta vez, teredes que vir á biblioteca con libros baixo o brazo: facemos un novo troco de libros. Traedes os que xa non leades ou os que consideredes que deben saír do voso andel para andar mundo, e cambiádelos por outros.
Ante a crise, intercambio.

Podedes vir, como todas as fins de semana, de 10 a 14:30 pola mañá e de 16 a 19 pola tarde.

Para todas e todos, nenos, adultas e anciáns.

sábado, 3 de octubre de 2009

OS FIADEIROS DA BIBLIOTECA

QUEN O SEU FILLO CRÍA, BOA ROCA FÍA
MULLER QUE FÍA DE PÉ, NUNCA BOA É
Xa comezaron os fiadeiros da biblioteca. O Próximo, para o venres 16 de Outubro (3º venres de mes). Ás 6 da tarde na biblioteca.

viernes, 2 de octubre de 2009

RECOMENDADOS DE OUTUBRO

Irá vindo o outono, amigas e amigos, irán vindo as noites longas, que non vos collan sen libros na man. Un para picar, un primeiro, un segundo e unha sobremesa, aquí vai o menú completo suxerido para Outubro:

Entremeses

34 burros e 343 pedras para James Sacré, Coordenado por Celso Fdez. Sanmartín (2003). A ver como o presentamos. Recolle un proxecto interxeneracional precioso, desenvolto en Lalín, onde nenos e nenas de educación infantil desfrutan na residencia de anciáns debuxando xuntos, recibindo os poemas que James Sacré escrebe para eles, inclúe os debuxos, os poemas, a partitura do grupo Grodan de Flo especial para a ocasión, a memoria da actividade. Un inclasificable de luxo.





Primeiros pratos:

Cogomelos de Galicia, J.M.C. MARCOTE, M.POSE, J.M. TRABA, Xunta de Galicia, 2005.
Guía fotográfica de cogomelos, aínda que non chovera aínda, supoñemos que choverá e que poderemos, un ano máis, disfrutar da gastronomía que o noso entorno nos ofrece. Toca coller un cesto e pasear monte, desde a biblioteca poñemos a guía para dúbidas de última hora, o resto poñédelo vós.






A Cociña de Outono. Recetario estacional da cociña galega.
PEPE IGLESIAS. Xerais, 1994.
E aquí tedes o libro de receitas para o que veña no cesto. Para iso, ou para outros ingredientes que o outono vai ofrecernos. Que aproveiten (a lectura e o xantar).






Segundos pratos


Consumir menos, vivir mejor. TONI LODEIRO. Txalaparta, Tafalla, 2008, 495 pp.

Atención a este libro, unha guía completísima sobre consumo consciente, unha xoia, levádeo a casa e botádelle un ollo. Pensade nel como unha guía mais que como unha lectura máis. Adicado a todas as persoas que decidimos ser parte da solución e non do problema. Ou non veñades por el se non queredes, podedes consultalo desde a casa por internet:

www.nodo50.org/consumirmenosvivirmejor

Seguiremos falando del, agora que imos ter un obradoiro de consumo responsable aquí en Parada. Informarémosvos das datas.


Diario 1921. Francia-Bélxica-Alemaña. CASTELAO. Galaxia- Museo de Pontevedra, 1977.
O diario que Castelao escribiu na súa viaxe de xaneiro a novembro de 1921 por Europa. Toda a visión persoal de Castelao sobre as creacións estéticas que atopa, Europa vista con ollos galegos en 1921. Inclúe ilustracións propias e alleas.







Sobremesa

Veña Carrabouxo! XOSÉ LOIS. Deputación de Ourense, 2009.430 pp.
A ver a quen lle amarga este dóce. Non vos teñen desperdicio, como sempre o carrabouxo. Porque lembrade que rir é a actividade corporal que máis músculos move, a que desintoxica, hidrata e tonifica gratis e sen efectos secundarios.


Menú infantil

A meiga Dona Paz. ANTONIORROBLES. Edicións do Castro, 1980. 93 pp. Recomendámosvos desde aquí este contiño no que ocorren cousas extraordinarias, como que os soldados falen co enemigo e decidan volverse á trincheira a xogar. Un libro que gañou en 1963 o primeiro premio do Comité Anglo-americano pro Nacións Unidas de México, que nunca está de mais que nos contos os enemigos xoguen xuntos . E nunca está de mais repensar a guerra, nin é demasiado cedo para facelo.


viernes, 25 de septiembre de 2009

NOVO BLOG LITERARIO

Temos novo blog que recolle a creación literaria (que a hai) na Ribeira. Está arrancando, é unha plantiña nova que haberá que protexer do sol no verán e da xeada no inverno. Creación literaria e crítica literaria, para as vosas inquietudes, para que os vosos textos vexan a luz dixital e paseen mundo. Para que leades o que se escribe desde aquí e sepades que se le por aquí.

http://letrasenpataos.blogspot.com

miércoles, 23 de septiembre de 2009

OS FIADEIROS DA BIBLIOTECA


Chega o outono, amigas e amigos blogueiros, hai que se meter na casa e hai que aturar as noites que xa van medrando, así que imos entreter os seráns fiando, falando, lendo, cardando e disfrutando a veciñanza. Fiaremos lá con fuso, como se fixo aquí de sempre, co cesto da media e mellor en compañía. Pero farémolo aproveitando para ler, para falar, para disfrutar da biblioteca, cambian os tempos e tamén os fiadeiros cambian. Vide fiar á biblioteca , os primeiros e terceiros venres de cada mes, de seis a oito da tarde, sepas ou non sepas, ven.

martes, 15 de septiembre de 2009

Cambio de horario

Preparándonos para o cambio de estación, empezamos por cambiar o horario de apertura. Estamos os luns e martes de 4 a 6 da tarde, o resto da semana (mércores, xoves e venres) de 10:30 da mañá a 6 da tarde e os fins de semana das 10 ás 2:30 e de 4 a 7:30.

Estade atentas este mes ás actividades da biblioteca agora que todas e todos temos mais tempo e as noites van medrando, anunciarémolas neste blog.
(lembrámosvos que aquí abaixo hai un cadradiño onde podedes colocar os vosos comentarios, así que estaremos atentas ás vosas ideas para actividades posibles)

miércoles, 2 de septiembre de 2009

Recomendados para Setembro

Entremeses


Archivos de la memoria y el mar de MIGUEL MOSQUERA PAANS, con debuxos de ACISCLO MANZANO. (Armonía Universal, Ourense, 2008), 67 pp. Quizais non vos guste se non vos gusta o tema intimista en poesía, pero noutro caso, vide boterle un ollo, poñamos aquí unha pequena degustación do que este autor pode ofrecernos: "Esta noche el aliento se me corta/de negro y de camino. (...)/Hartura y hambre:/Saciedad de deseos, necesitado de ganas"

Canta de lonxe o corazón do tempo
de MANUEL CASADO NIETO (Galaxia, Vigo, 1969), 98 pp. Editado na colección Salnés, paga a pena botarlle o ollo a este autor do Castro, pai do que foi tamén poeta Xosé Manuel Casado, un libro escrito desde Barcelona coa Terra de Caldelas na lembranza: "Cando me sinto confundido coa serra lonxana,/cos soutos i as debesas/graves como un antergo abade;/cos outeiros de xestas e carqueixas,/ríspetos, serios, coma compre aos probes;/co val ribeirán, tan ledo e cantareiro,/vizoso de preixegos, de pavías, de viño;/ coas encostas en sucalcos de laboura circense;/coas penas irtas da golga do regato:/ Entón eu penso que todo é noso,/que o de estar lonxe é un pesadelo fuxidío,/(...)e penso que a Terra son eu, é a miña muller, son os meus fillos./E que todos nós somos iso: a Terra"

Primeiros pratos

Era tempo de apandar de RAMÓN DE VALENZUELA (Akal, Madrid, 1980) 187 pp. Relato autobiográfico da represión na primeira postguerra, traballos forzados nas minas de wolfram, corrupción do aparato franquista e gardas civís. Continuación de Non agardei por ninguén, vaivos o comezo do relato, para abrir boca: "Estábame agardando a parexa da Garda Civil que me recibeu dos carceleiros como quen recibe unha mercaduría, con albarán e todo, da que tén que coidar pra que non se lle destrague e pra que se lle non perda".... (se queredes continuar, pasádevos ao papel)

Voo de noite de ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY (Xerais, Vigo, 1989), 97 pp. "Pensa no piloto: Eu sálvoo do medo. Non o ataco a el, senón, a través del, a esa resistencia que paraliza ós homes perante o descoñecido. Se o escoito, se o compadezo, se tomo en serio a súa aventura, el crerá que volta dun pais de misterio, e só ó misterio se ten medo. Cómpre que os homes descendan a ese pozo escuro e, ó remontáreno, digan que non atoparon cousa. Cómpre que o home descenda ó máis íntimo corazón da noite, no medio da súa espesura, e mesmo sen esa lampadiña de mineiro que non dá luz mais ca ás mans ou á á pero que arreda o descoñecido a unha braza de distancia". Nacido dunha traumática experiencia persoal, paga a pena volver a este relato publicado en Francia en 1931. Hai menús que non caducan.

Segundos pratos

Atreverémonos a recomendar filosofía? Pois sí, aínda a risco de agotar as nosas existencias e de non dar atendido as vosas demandas. O pasado mes recibimos como donación unha colección de filosofía coa que podemos darvos unha oferta bastante competente de clásicos, que sempre fan falta de vez en cando, e de autores do século XX como Kuhn, Feyerabend, Marcuse, Ayer, Bakunin, Theilard de Chardin, Lukacs, Russell, Popper... Podedes consultar os fondos da biblioteca en filosofía aquí

Postres

Este mes vai de clásicos: de postre recomendamos o libro de estampas de Castelao que inclúe os álbumes Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos (A Nosa Terra, Vigo, 1995). Cómpre non esquecer, por se acaso. Como postre, que sexa despois dun xantar lixeiro, remexe a conciencia e o corpo. Debuxadas en 1937 e 1938: "Estas estampas, arrincadas da miña propia door, van dirixidas a vós que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruir o fogar desfeito", escrebe Castelao no álbum de Galicia mártir.

Menú infantil

Xa que hai que poñerse as pillas de novo coa escola, sacamos do andel dous libriños para os mais novos aprender idiomas, neste caso Inglés. Trátase das respectivas edicións de Pinocchio e Heidi de Sotelo Blanco en formato cómic, pero, ollo, movendo unha pestana na parte superior das follas os textos aparecen alternativamente en inglés e galego.

miércoles, 19 de agosto de 2009

Cousas que facer en Agosto

Este Agosto, atentas e atentos ás citas:

Esta fin de semana, en Parada de Sil poderedes ver a exposición das fotografías participantes no concurso "Visións de Parada de Sil", con fotografías de moita calidade. A entrega de premios será o venres 21 ás 8 da tarde na casa do Concello.
O Sábado 22 teremos xogos tradicionais, diante da Biblioteca, para nenos (aro, tres en raia, muíño, billarda....) e para maiores. A estrela serán os bolos tradicionais de Parada de Sil. (mais info sobre os bolos en http://www.ourodosilac.org/bolos.html )

E o Domingo 23 a carreira por montaña, podedes vela desprazándovos en coche no seguinte itinerario: Entrambosríos- Espiñas-Trigoás-Teimende-Requián-Monte Meda-Couto-Caxide-Castro-Portela-Concello (Saída ás 9 da mañá)

Todo eso se non pasastes a fin de semana no Ponte Louco en Castro Caldelas, botádelle un ollo ao programa no blog do ponte louco

E a partir do luns traemos á biblioteca a exposición de fotografías e poemas de Uxío Novoneyra, que estará ata o 7 de Setembro.

O martes 25, presentación do documental dirixido por Patxi Bisquert TERRA DO MILLO, no que participan varios artistas locais, arredor dos felos e da historia do Val de Maceda. Ao remate haberá coloquio, e é un traballo que da que falar. Ás 8 da tarde na biblioteca.

Esperamos vervos!!

lunes, 10 de agosto de 2009

Novo horario ata o 15 de Setembro

En Agosto, mais. Temos a biblioteca aberta todos os días de 11 a 3 e de 4 a 8, os horarios xa non son excusa para non acercarse, esperámosvos, grandes e pequenos/as.

sábado, 1 de agosto de 2009

Recomendados para Agosto


Entremeses


Este mes traemos un buffet degustación, composto por cadernos Amastra-N-gallar, editados por Emilio Araúxo, donados por Emilio Araúxo á biblioteca, con fotografías sempre impactantes del mesmo, e entre os cales nos atreveríamos a calificar de imprescindibles "Burato" de John Berger, "Os soños de Neanderthal" de Itxaro Borda, "Vinte preguntas que me arrepinto de non lle ter feito ao meu pai" de John Felstiner, ou o hilarante "Le Pen é francés? de Jacques Roubaud. Ademais dunha colección de cadernos que xiran en torno ao tema da máscara e en concreto dos felos de Maceda. Poetas de todo o mundo escriben a propósito de fotografías do propio Emilio Araúxo dos felos. Recollemos uns versos de Yu Jian (poeta chinés): "Ou Deus xa cortou o cordón umbilical/ quén nos pode axudar a quitar as máscaras"...

Mais, na biblioteca.


Primeiros pratos

A cociña do verán, receitario estacional da cociña galega, de PEPE IGLESIAS (Xerais, Vigo, 1995), 316 pp. A ver se comer galego vai ser quedarnos no de sempre. Un receitario cun limiar que fala pestes das fritangas e moi ben de novos ingredientes como as algas, ensaladas, escabeches, etc.etc. 250 páxinas de receitas que inclúen indicacións para a presentación do prato, viños recomendados, etc.

Short Cuts (Vidas cruzadas) de RAYMOND CARVER (Anagrama, Madrid, 1994), 179 pp. Nove contos que moitos coñeceredes, nos que está baseada a película de Robert Altman. Historias inquietantes, absorbentes, historias que fican na memoria, historias para reler nun Agosto calquera.


Segundos pratos

Herreros y alquimistas de MIRCEA ELIADE (Alianza, Madrid, 1996, orixinal francés de 1956), 200 pp. Mircea Eliade, rumano "cosmopolita", analisa neste documentadísimo estudo a relación da humanidade coa metalurxia, desde a idade do ferro e os primeiros forxadores de ferro meteorítico e polo tanto sobrenatural, ata a alquimia. Un ensaio no que conflúen a maxia, a relixión, a antropoloxía, para resultar fascinante.

Belladona, de HUGO CLAUS (Anagrama, Madrid, 1996), 315 pp. Empeza así: "Dos cosas preocupaban al ministro aquella mañana, su peso y la muerte". Con ese comezo, escríbese unha novela implacable coa política cultural de Flandes (exténdase a calquera lugar de Europa), onde os seus personaxes merodean desbordantes de humanidade, de desexos de poder ou de diñeiro, axexando o proxecto dunha película sobre Brueghel.

Postres

ACT IVIDA DESC ULTURAIS, de EMILIO ARAÚXO (Amastra-n-gallar, Santiago de Compostela, 2006). O abandono dunha cociña, fotografado durante vinte anos (1986-2006) aporta o material para este poema visual onde os detalles, a reiteración e a forza mesma das imaxes crean un ritmo poético para falar do abandono, do paso do tempo, pero sobre todo, dunha imaxe tenra dun modo de vivir. O título entenderédelo despois de miralo (aquí nunca contamos o final).




Menú infantil



Ana la de las Tejas Verdes de L.M. Montgomery (Emecé, Barcelona, 1995), 286 pp. Recomendado por Sabela, un libro moi divertido que ten ademais o alicerce de estar ambientado nos principios do Seculo XX, para contar as aventuras dunha nena orfa, pencosa, traviesa....

viernes, 10 de julio de 2009

NOVO HORARIO

A partir de agora a biblioteca estará aberta os luns de 4 a 7 da tarde e de martes a domingo de 11 a 2 pola mañá e de 4 a 7 polas tardes. Os venres e os sábados ata as 7 e media, así que xa podedes vir á hora que mais vos conveña.

Esperámosvos!