QUEREMOS ABRIR O APETITO POLA LECTURA

E para iso, mostrarémosvos aquí as nosas suxestións de cociña, un menú mensual con recomendacións para todos os gustos: para cando só apetece picar un pouco, para fartarse de historias, para alimentar coñecementos e o pensamento crítico, para repousar despois da fartura....

CADA MES, ENTRE OUTRAS NOVAS, PUBLICAREMOS AQUÍ AS NOSAS SUXESTIÓNS DE COCIÑA
e, por suposto, lembrade que sempre podedes acceder ao noso catálogo completo, para os/as que preferen ler á carta...

ver catálogo da biblioteca
Que agora sí, por fin, está completo e á vosa enteira disposición


sábado, 23 de mayo de 2009

Presentado o libro adicado a Rosa Pons


O pasado sábado 16 de Maio, no transcurso do homenaxe que o Concello rendeu a Dona Rosa Pons, presentouse o libro "Rosa Pons i Fábregas, unha mestra europea en Parada de Sil. Conversas co seu fillo Camilo", de Xosé Manuel Cid.



Xa está á vosa disposición na biblioteca


Novidades


Espazos naturais de Galicia / Augusto Pérez Alberti.-- Barcelona : Lunwerg editores, 2008.-- 214 p Fotografías de Xurxo Lobato










Entremiradas II- Galicia-Cuba / Maribel Longueira.-- A Coruña : Xunta de Galicia, 2009.-- 143 p

(Fotografía)







Historia General del Reino de Galicia Pascasio de Seguín.-- Madrid : Xunta de Galicia, 2007.-- 755 p (Reimpresión con gravados de la obra de
1750)










Fernando Bores Gamundi (Coord.): Casas de indianos. Pontevedra. Secretaría Xeral de emigración/ Consellería de vivenda e solo, Santiago de Compostela, 2009. (451 pp)

jueves, 21 de mayo de 2009

jueves, 14 de mayo de 2009

Menú do mes de Maio, mes das letras

Este ano celebramos o día das letras inaugurando este blog. Así que as suxerencias son todas en galego, incluindo traduccións. O próximo mes abrirémonos a cociña internacional.


Entremeses:

Terragrafías, de Anxo Cabada, colección de fotografías da xente do rural e textos (a maioría poemas) de autorías diversas, por exemplo éste de Anxo Angueira: "O sacho, Pinto, o sacho./ Vaia arma cargada de futuro./ Ben te vexo con el ben alto ó ombreiro..." Recén editado pola delegación de medio rural en Pontevedra, paga a pena botarlle un ollo, desde logo.

Os Papalagui, discursos de Tuiavii de Tiavea, Xefe Samoano, vaia clásico, editado en galego por edicións positivas, sen aqules debuxos da edición de Integral pero desde logo imprescindible se aínda non o lestes (e se xa o lestes, aproveitade para darlle unha segunda oportunidade, é inagotable): "Poderedes recoñecer tamén o Papalagui polo seu desexo de nos facer crer que somos pobres e miserables e que necesitamos de moita axuda e piedade, por non posuírmos "cousas"./ Queridos irmáns destas moitas illas: permitide que vos diga o que é unha "cousa". O coco é unha cousa, o matamoscas, o taparrabos, a cuncha, o anel...."


Primeiros pratos:

Grupo Abeliano, de Cid Cabido,( Xerais) se sodes clientes habituais da biblioteca xa o coñeceredes, pero se non, podedes probar a metervos nunha novela dubitativa entre os seis ou os sete, do estilo de "¿Ninguén ten nada que facer? / Mirámonos durante os segundos sen saber que dicir./ Moi ben entón pensemos algo para facer todos". Hai furanchos, tazas, gobernadores civiles e Banqueiros, unha lóxica desbordante e moito ritmo na novela. Tivo o premio Blanco Amor no ano 99, asegura diversión e un estilo que se parece a case nada.

Río de son e vento, unha antoloxía da poesía galega de César Morán (Xerais1999) non é a única antoloxía que podemos ofrecervos pero sí a máis completa quizais cronolóxicamente, da lírica medieval a Iolanda Castaño en 467 páxinas, así que xa tedes o instrumento de iniciación na nosa poesía, xa tedes un GPS en papel para orientarvos na historia e no disfrute da nosa literatura mais de repouso. Vaivos unha de Alfonso Pexegueiro, para abrir boca: "Bébeda de silencio, alí estás, flama, folerpa,/rota baixo a vixilancia das arañas, / escorregas na miña boca, foxes, /e perfil de colleita fágote gran..."(desnudo de muller en Seraogna)
:
Segundos pratos:

Fisteus era un mundo, de Lupe Gómez (A Nosa Terra, 2001) preséntase só co seu inicio, vos decidides se seguir lendo ou non: "Eu nacín nunha aldea pequena, Fisteus. Un lugar impresionante. Noto que hai como un medo na xente a decir que é da aldea. Eu tiven ese medo. Aínda non sei seguro se o superei. Habería que superar tantos medos..."

Un cuarto de seu, de Virginia Woolf, ensaio escrito en 1929 sobre o xénero sexual e o xénero literario, por unha muller que empezou a escribir na sala familiar, exposta a visitas, recados e diversa clase de urxencias domésticas (sóavos, verdade?), limitacións que quizais non estean hoxe tan superadas como deberan ¿ou sí?

Educar para a paz desde o conflicto, de Calo Iglesias, non é exclusivamente un libro para educadoras/es. Da revisión do concepto de conflicto, do medo que a nosa sociedade consensual lle ten ao conflicto, este veterano educador e activista da non violencia ofrece unha panorámica que vai desde o exame a fondo do conflicto interpersoal e o conflicto social (parte imprescindible do libro), ata a proposta de dinámicas na aula. Un segundo prato sustancial e ben preparado.

Postre:

Galegos na diáspora(1989-2009), de Delmi Álvarez, colección de fotografías de galegos e galegas espalladas polo mundo (ese que inclúe os cinco continentes, ese tan grande, ese que os galegos habitan en todos os seus recunchos). Gran formato, para alargar o postre con café e sofá e tertulia.


Menú infantil:

¿A que sabe a lúa?
de Michel Grejniec (Kalandraka), favorito do pequeno Camilo e favorito da súa nai, a historia dun grupo inverosímil de animais que cooperan para chegar á lúa e dun peixe sabichón que está de volta de todo. Toda unha metáfora. Precioso.