QUEREMOS ABRIR O APETITO POLA LECTURA

E para iso, mostrarémosvos aquí as nosas suxestións de cociña, un menú mensual con recomendacións para todos os gustos: para cando só apetece picar un pouco, para fartarse de historias, para alimentar coñecementos e o pensamento crítico, para repousar despois da fartura....

CADA MES, ENTRE OUTRAS NOVAS, PUBLICAREMOS AQUÍ AS NOSAS SUXESTIÓNS DE COCIÑA
e, por suposto, lembrade que sempre podedes acceder ao noso catálogo completo, para os/as que preferen ler á carta...

ver catálogo da biblioteca
Que agora sí, por fin, está completo e á vosa enteira disposición


martes, 13 de julio de 2010

RECOMENDADOS DE XULLO

Entremeses

E mirarémo-las ondas! Once cantigas do mar de Vigo. Mendinho, Martín Códax e Joan de Cangas. En edición de Xosé María Álvarez Cáccamo e Xosé María Álvarez Blázquez. Espiral Maior poesía, 1998.

i é que un entremés clásico, digamos un pouquiño xamón da casa ou un anaco de boa empanada, é agoiro e sinal de bó xantar. Así que o noso primeiro entremés propónvos emoción medieval intacta, "Eno sagrado en Vigo/ bailava corpo velido/ Amor ei!"

Primeiros pratos

A Cociña do verán. Receitario estacional da cociña galega. Pepe Iglesias. Xerais, 1995
Que sepan os que non son moi afeizoados/as a cociñar, que con este libro saciaránse só con ver as fotos. Todo apetitoso, algunhas elaboradas de mais, pero en calquera caso probade a levalo prá casa e variar un pouquiño as receitas. Lembrámosvos que hai que devolver todos os libros en perfecto estado, así que non o traiades con lamparóns de graxa

Segundos pratos

Chandrexa de Queixa, patrimonio natural. Luis José Míguez Rodríguez. Deputación de Ourense, 2010, 414 pp. Arrecende a novo, recén publicado ofrecémosvos este volume sobre a Serra de Queixa. É un segundo prato con sustancia e alimento, así que preparádevos para un texto algo árido pero con moitísima información. Destacan os datos climáticos e desde logo as fotografías e información botánicas. Tédeo en conta.


El monasterio Santa María la Real de Oseira. Economía y contabilidad monásticas en la transición del antiguo al nuevo régimen. Dolores Rivero Fdez et al. , Deputación de Ourense, 2005, 189 pp. Mágoa que as autoras, na súa maioría mulleres, decidiran comezar as súas investigacións sobre contabilidade e economías monásticas a partir dos rexistros conservados en Oseira e non na Ribeira Sacra, aínda así resulta moi interesante. A maioría dos rexistros son dos séculos XVII-XIX, e detallan ingresos e gastos en centeo, trigo, viño, contabilidade dos fornos, etc. Para imaxinarse con mais detalle a vida monacal.


Menú infantil

O libro dos Porcos, de Anthony Browne, editado por Kalandraka. Sin límite de edade. Deseñado para mais agobiadas polas tarefas e a pouca axuda, ou para nenos e maridos que non consideran que haxa que axudar moito na casa.... Porque desto sempre nos fai falta

PRESENTACIÓN DO LIBRO DA CASTAÑA

Aquí tedes a reportaxe sobre a presentación do libro que, en edición non venal (así que nn esperedes poder compralo) presentóuse onte día 12 no Mosteiro de Santa Cristina. En cuestión de días estará á vosa disposición na biblioteca, por suposto.

(Facede Click no título para ver video)

viernes, 9 de julio de 2010

PENURIA DAS CONEXIÓNS

Queridas e queridos, temos dificultades técnicas de difícil comprensión a estas alturas, segunda década do século XXI.

As conexións de Internet Rural, pola rede Tam Tam da Deputación de Ourense, non nos permiten desde a biblioteca acceder ao blog.

Suplímolo con vontade e imaxinación, pero esta é a razón de que non vos teñamos actualizados os menús.

Este é o tipo de entradas que agradecen os vosos comentarios. ¿Hai alguén aí?