QUEREMOS ABRIR O APETITO POLA LECTURA

E para iso, mostrarémosvos aquí as nosas suxestións de cociña, un menú mensual con recomendacións para todos os gustos: para cando só apetece picar un pouco, para fartarse de historias, para alimentar coñecementos e o pensamento crítico, para repousar despois da fartura....

CADA MES, ENTRE OUTRAS NOVAS, PUBLICAREMOS AQUÍ AS NOSAS SUXESTIÓNS DE COCIÑA
e, por suposto, lembrade que sempre podedes acceder ao noso catálogo completo, para os/as que preferen ler á carta...

ver catálogo da biblioteca
Que agora sí, por fin, está completo e á vosa enteira disposición


viernes, 6 de noviembre de 2009

RECOMENDADOS PARA NOVEMBRO

¿Queredes menú ou queredes carta? Á carta, podedes ler moito e bon, ben o mirades vós directamente no catálogo publicado en Internet, ben pasades por aquí e se vos recomenda persoalmente, que ventaxas ten isto das bibliotecas pequenas e a densidade de poboación que temos. En calquera caso, se queredes menú, isto é o que a biblioteca recomenda para ler no mes de Novembro

  • Entremeses



Este mes, un entremés en verso, como ven sendo habitual, pero ben substancioso: Propoñémosvos a tetraloxía de Millán Picouto, Ciclo de Mercurio, Ciclo de Venus, Ciclo da Terra e Ciclo de Marte. Propoñémosvos ler teatro, e ademais en verso. Cada volume recolle varias pezas dramáticas dunha potencia desbordante (é outra cousa, o teatro en verso, ten unha sonoridade e unha resonanacia que non se conseguiría doutra maneira). É unha obra monumental (falamos de catro volumes) e moi densa, moi para ir de vagar.




Primeiros pratos

Comezaremos por unha recopilación de relatos do ano 1984, titulado xenéricamente Medusa, orixe da colección de narrativa do mesmo nome da Editorial Sotelo Blanco. Nel escriben Anxel Fole, Gonzalo R. Mourullo, Xosé M.Martínez Oca, Xoán Ignacio Taibo, Claudio Rodríguez Fer, Xaquín do Valle-Inclán, e X.Enrique Monteagudo. Unha edición feita con agarimo, ilustrada por Concha Pazo, en 113 páxinas que vos sorprenderán. Por se non tedes tempo ou non puidestes rematar a tempo os entremeses deste mes.





Teoría de Galicia. Obra xornalística en Vida Gallega (1926-1963), RAMÓN OTERO PEDRAYO (Galaxia- Alvarellos, Santiago, 2007). 391 pp. Recopilación de artigos cunha introducción de Marcos Valcárcel. Transcribimos a Don Ramón:
" Eu teño fe no pobo. ¿Que se le vai facer? Supoño que haberá dereito a ceibarse do xeometrismo inspirador da ideoloxía da Gaceta Literaria. E sentir a materia rebento xerminal, insospeitado do pobo ignorante de teoremas, de cristiás marxinacións matemáticas e desa protección na que quere pechar ó mundo a mocidade da Gaceta. Proxección de Mercator"
¿Temos ou non temos fe no pobo?
¿Son o non son actuais estes artigos?
Comentarios ao final da entrada



Segundos Pratos


La marca del agua de SANTIAGO PALMEIRO (Deputación Provincial deOurense, 2009), 404 pp. Novidade que chegou recentemente á biblioteca, este libro novela o drama da expulsión da xente pola construcción de encoros, a desaparición da aldea, o traslado, e indaga no proceso que se viviu en moitas das nosas aldeas desde o anuncio da construcción ata o desaloxo. Sen entrar na súa calidade literaria, aquí tedes un testimonio ou unha lembranza do que se lles puido pasar pola cabeza. Un tema que tampouco caduca.





Brigada Lincoln, de JAVIER GUZMÁN, Linteo, Ourense, 2000, 358 pp. Esta novela, escrita en castelán e gañadora do X premio Torrente Ballester de Narrativa. Personalmente me encanta o estilo, unha especie de xogo continuo coa linguaxe e un ritmo que non se perde. Ritmo como musicalidade, como cadencia. Humor, intriga, pensade que as noites son longas e que vades precisar unha novela de estas que se deixa ler, que te leva e te sonríe. Unha edición estupenda, ademais, como todas as de Linteo. Espera por vós na biblioteca.




Sobremesa



Crónicas da represión lingüística. Libro + DVD . Unha crónica audiovisual de Xan Leira. Coa colaboración fotográfica de José Luis Abalo. Interveñen, entre outros, Xesús Alonso Montero, Antón Costa Rico, Henrique Monteagudo, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Xosé M. Fernández Cid, Francisco Fernéndez del Riego... etc. Hai cousas que convén non esquencer.







Menú infantil


Max e Moritz. Historia de dous pillos en sete trasnadas, de Wilhelm Busch, Linteo, Ourense, 2001. Poderiámolo recomendar polas ilustracións, pola fermosa edición ou polo humor que seguramente comprenderán mellor os vosos fillos ca vós. Pero ímolo recomendar pola calidade da traducción de Luciano Fernández de Sanmamed que permite gozar da rima durante todo o texto. Máis risas para os pequenos, que conectan enseguida coa rima consonante, e unha porta que lles abrimos para o disfrute da poesía e da musicalidade do texto. Comeza así: !!ai Señort, o que se escoita/ e a falar e ler se adoita,/ sobre pillos falcatrueiros,/malmandados e argalleiros!!/ como estes dous malvados;/ Max e Moritz son chamados."

2 comentarios:

  1. parabéns polo traballo que estades facendo. este post é realmente interesante :)

    ResponderEliminar
  2. Na reseña do libro 'La marca del agua' dicen: "Sen entrar na súa calidade literaria,...". Quédame a dúbida de se é boa ou mala.

    Saúdos.

    ResponderEliminar