QUEREMOS ABRIR O APETITO POLA LECTURA

E para iso, mostrarémosvos aquí as nosas suxestións de cociña, un menú mensual con recomendacións para todos os gustos: para cando só apetece picar un pouco, para fartarse de historias, para alimentar coñecementos e o pensamento crítico, para repousar despois da fartura....

CADA MES, ENTRE OUTRAS NOVAS, PUBLICAREMOS AQUÍ AS NOSAS SUXESTIÓNS DE COCIÑA
e, por suposto, lembrade que sempre podedes acceder ao noso catálogo completo, para os/as que preferen ler á carta...

ver catálogo da biblioteca
Que agora sí, por fin, está completo e á vosa enteira disposición


jueves, 25 de junio de 2009

Recomendados para Xullo

E en chegadas as tardes de calor, este mes xa temos tempo para coller un libro pola sesta, quen di un di dous ou tres...

Entremeses do mes de Xullo


Exercicios de estilo, de RAYMOND QUENEAU (Xerais, Vigo, 1995, orixinal francés de 1947), 164 pp. Conta un suceso breve en 99 formas diferentes. Preciosista, Gastronómico, Macarrónico, Lipograma, Ampuloso, Vulgar, táctil, visual, auditivo.... Así ata 99. Inclúe o texto francés, o que non inclúe é de ónde sacou este home tanto enxeño, moi divertido.

Costa da morte blues, de MANUEL RIVAS, (Xerais, Vigo, 1995), 93 pp. O libro ten uns anos, os que permiten darse conta de que a poesía non caduca. Son dunha sensibilidade profunda. Vaivos o inicio do poema "Madrid": "Non lanzarei un puñado da miña terra contra ninguén./Ademais, non levo terra fresca./Vou tan baleiro coma un vello sen televisor"



Primeiros pratos


Confusión e morte de María Balteira, de MARICA CAMPO (Bahía Edicións, A Coruña, 1996), 135 pp., libro de relatos que vai agora pola terceira edición, introdúcenos nun universo máxico e moi feminino, moi enraizado tamén no noso imaxinario colectivo, onde a chuvia, por exemplo, posúe aos homes de Valcavado mentres as mulleres senten ciumes dela... Todos os relatos posúen esa especie de maxia telúrica que confunde ou mellor integra a xente co mundo. Lédeo, non defrauda.

Como unha novela, de DANIEL PENNAC (Xerais, Vigo, 1993), 157 pp. Un ensaio brillante que se le como o seu propio título indica. Unha reflexión sobre a lectura que empeza propoñendo que temos dereito a non ler, a reler, a deixar a medias, a saltar páxinas, a ler en calquera sitio.... Recomendado especialmente para os que pensan que deberían ler mais, para lle curar de vez os remorsos, e para nais e pais que intentan fomentar o hábito lector, e ás veces producen o efecto contrario. Detédevos e lédeo primeiro, antes de que o dano sexa irreversible. Un libro divertidísimo e completamente lúcido.


Segundos pratos

O libro da auga de XOSÉ CHAO REGO (Cadernos do Seminario de Sargadelos, Sada, 1995), 499 pp. Todo un segundo prato. Un ensaio que repasa con amplitude o simbolismo profundo da auga (primeira parte: o sentimento oceánico). Desde cuestións fisiolóxicas a Tales de Mileto pasando pola ecoloxía fetal. Non se agota aquí: auga e cultura (segunda parte) empeza repasando culturas arredor da auga, desde o Nilo e o Xordán, ata Galicia; para na terceira parte contemporaneizar e falar da auga como poder, da economía da auga e da auga e saúde. Un luxo.

El fin de la edad de plata e Nueve enunciaciones de JOSE ANGEL VALENTE. (Tusquets Marginales, Barcelona, 1995). 160 pp. Publicado por primeira vez en 1973, breves textos de aguda intelixencia, para repensar o pensado, para rir, para resistir á doma do pensamento.

Postres

Dossier Galicia, dossier da revista Ars Nova mediterránea adicado á arte galega contemporánea. Do ano 2000. Inclúe un cd con reseña e obra de 60 artistas galegos. O debate do post-atlantismo. Paga a pena, pese a saber que xa choveu, e que o panorama mudou.


Menú infantil

Xoguetes e sons da natureza, Jaime López Picallo (Coord.) (Xunta de Galicia, 2000), 92 pp. Catálogo de xoguetes e instrumentos musicais feitos con materiais naturais. Imprescindible se vades estar este verán cos nenos neste noso recuncho. Instruccións para construílos, eles sós ou coa vosa axuda se son pequenas/os. Aos avós encantarálles, ampliarán o catálogo, seguro. Uns exemplos: asubíos, carrizos, barquiñas, astrágalos (as tabas), carro feito con patacas ou nabos, espada, rodicio, billarda.... unha opción estupenda para pasardes boas tardes de verán cos pequenos.

Jamalají-Jamalajá, de JORDI SIERRA I FABRA (SM, Madrid, 1995), 133 pp. da serie dos libros de Víctor y Cía, un gran lío no que se mete Víctor para ver ao seu ídolo Bruce Springteen, a partir de 12 anos, divertidísimo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario