QUEREMOS ABRIR O APETITO POLA LECTURA

E para iso, mostrarémosvos aquí as nosas suxestións de cociña, un menú mensual con recomendacións para todos os gustos: para cando só apetece picar un pouco, para fartarse de historias, para alimentar coñecementos e o pensamento crítico, para repousar despois da fartura....

CADA MES, ENTRE OUTRAS NOVAS, PUBLICAREMOS AQUÍ AS NOSAS SUXESTIÓNS DE COCIÑA
e, por suposto, lembrade que sempre podedes acceder ao noso catálogo completo, para os/as que preferen ler á carta...

ver catálogo da biblioteca
Que agora sí, por fin, está completo e á vosa enteira disposición


viernes, 2 de octubre de 2009

RECOMENDADOS DE OUTUBRO

Irá vindo o outono, amigas e amigos, irán vindo as noites longas, que non vos collan sen libros na man. Un para picar, un primeiro, un segundo e unha sobremesa, aquí vai o menú completo suxerido para Outubro:

Entremeses

34 burros e 343 pedras para James Sacré, Coordenado por Celso Fdez. Sanmartín (2003). A ver como o presentamos. Recolle un proxecto interxeneracional precioso, desenvolto en Lalín, onde nenos e nenas de educación infantil desfrutan na residencia de anciáns debuxando xuntos, recibindo os poemas que James Sacré escrebe para eles, inclúe os debuxos, os poemas, a partitura do grupo Grodan de Flo especial para a ocasión, a memoria da actividade. Un inclasificable de luxo.





Primeiros pratos:

Cogomelos de Galicia, J.M.C. MARCOTE, M.POSE, J.M. TRABA, Xunta de Galicia, 2005.
Guía fotográfica de cogomelos, aínda que non chovera aínda, supoñemos que choverá e que poderemos, un ano máis, disfrutar da gastronomía que o noso entorno nos ofrece. Toca coller un cesto e pasear monte, desde a biblioteca poñemos a guía para dúbidas de última hora, o resto poñédelo vós.






A Cociña de Outono. Recetario estacional da cociña galega.
PEPE IGLESIAS. Xerais, 1994.
E aquí tedes o libro de receitas para o que veña no cesto. Para iso, ou para outros ingredientes que o outono vai ofrecernos. Que aproveiten (a lectura e o xantar).






Segundos pratos


Consumir menos, vivir mejor. TONI LODEIRO. Txalaparta, Tafalla, 2008, 495 pp.

Atención a este libro, unha guía completísima sobre consumo consciente, unha xoia, levádeo a casa e botádelle un ollo. Pensade nel como unha guía mais que como unha lectura máis. Adicado a todas as persoas que decidimos ser parte da solución e non do problema. Ou non veñades por el se non queredes, podedes consultalo desde a casa por internet:

www.nodo50.org/consumirmenosvivirmejor

Seguiremos falando del, agora que imos ter un obradoiro de consumo responsable aquí en Parada. Informarémosvos das datas.


Diario 1921. Francia-Bélxica-Alemaña. CASTELAO. Galaxia- Museo de Pontevedra, 1977.
O diario que Castelao escribiu na súa viaxe de xaneiro a novembro de 1921 por Europa. Toda a visión persoal de Castelao sobre as creacións estéticas que atopa, Europa vista con ollos galegos en 1921. Inclúe ilustracións propias e alleas.







Sobremesa

Veña Carrabouxo! XOSÉ LOIS. Deputación de Ourense, 2009.430 pp.
A ver a quen lle amarga este dóce. Non vos teñen desperdicio, como sempre o carrabouxo. Porque lembrade que rir é a actividade corporal que máis músculos move, a que desintoxica, hidrata e tonifica gratis e sen efectos secundarios.


Menú infantil

A meiga Dona Paz. ANTONIORROBLES. Edicións do Castro, 1980. 93 pp. Recomendámosvos desde aquí este contiño no que ocorren cousas extraordinarias, como que os soldados falen co enemigo e decidan volverse á trincheira a xogar. Un libro que gañou en 1963 o primeiro premio do Comité Anglo-americano pro Nacións Unidas de México, que nunca está de mais que nos contos os enemigos xoguen xuntos . E nunca está de mais repensar a guerra, nin é demasiado cedo para facelo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario