QUEREMOS ABRIR O APETITO POLA LECTURA

E para iso, mostrarémosvos aquí as nosas suxestións de cociña, un menú mensual con recomendacións para todos os gustos: para cando só apetece picar un pouco, para fartarse de historias, para alimentar coñecementos e o pensamento crítico, para repousar despois da fartura....

CADA MES, ENTRE OUTRAS NOVAS, PUBLICAREMOS AQUÍ AS NOSAS SUXESTIÓNS DE COCIÑA
e, por suposto, lembrade que sempre podedes acceder ao noso catálogo completo, para os/as que preferen ler á carta...

ver catálogo da biblioteca
Que agora sí, por fin, está completo e á vosa enteira disposición


sábado, 14 de noviembre de 2009

Atención fiadeiras

Imos cambiar o horario dos fiadeiros no inverno, así que a partir do próximo, o vindeiro sábado 20 de Novembro, xuntarémonos as catro e media da tarde, e continuamos así cada primeiro e terceiro venres de mes.

Presentación Terra do Millo

Para os que vos perdestes as presentacións-coloquio do documental Terra de Millo, dirixido por Patxi Bisquert, en Parada de Sil ou en Castro Caldelas, sabede que aínda estades a tempo no Mosteiro de Montederramo o vindeiro sábado 28 de Novembro ás seis e media da tarde. Nun entorno de luxo, ademais, como é a sala audiovisual no coro do mosteiro. Porque a periferia tamén produce cultura.

viernes, 13 de noviembre de 2009

Exposicións que non vos podedes perder

Xa comezou o Outono fotográfico, así que no Centro Comarcal da Terra de Caldelas, en Castro Caldelas, podedes contemplar ata o 30 de Novembro as fotografías de Castor Villar Sabucedo, "Contrastes". Do 1 ata o 14 de Decembro, "antigos soños de mulleres kichwas", da ONG Paz e desenvolvemento.


E se ides pasar pola Coruña antes do 28 de Febreiro, non vos perdades as fotografías de Ruth Mathilda Anderson na Fundación Caixa Galicia (ise edificio con ascensor acristalado exterior que está no Cantón Grande). Son fotografías tomadas en Galicia nos anos 1924-1926. Sabemos que entre os fondos desta magnífica colección hai fotografías antigas do Castro e unha que retrata a dous barquilleiros nenos en Santiago de Compostela. Colocade aquí os vosos comentarios se xa a vistes, paga a pena. + info, calca aquí

viernes, 6 de noviembre de 2009

Andaina da castaña

A próxima fin de semana celébrase á III Andaina da Castaña, organizada pola Asociación Cultural Ouro do Sil, que percorrerá 18,5 Km na ruta do Canón do Sil a Santa Cristina.

O equipo de fútbol leva cinco partidos invicto

¿Qué ten que ver o fútbol coa biblioteca? Que todo está en Parada de Sil. Levamos catro partidos gañados e conco empatados. Dávos tempo a pasar o sábado a animar no próximo e levar algo da biblioteca, que estará aberta. E desde aquí ánimo ao equipo no seu segundo ano.

RECOMENDADOS PARA NOVEMBRO

¿Queredes menú ou queredes carta? Á carta, podedes ler moito e bon, ben o mirades vós directamente no catálogo publicado en Internet, ben pasades por aquí e se vos recomenda persoalmente, que ventaxas ten isto das bibliotecas pequenas e a densidade de poboación que temos. En calquera caso, se queredes menú, isto é o que a biblioteca recomenda para ler no mes de Novembro

  • Entremeses



Este mes, un entremés en verso, como ven sendo habitual, pero ben substancioso: Propoñémosvos a tetraloxía de Millán Picouto, Ciclo de Mercurio, Ciclo de Venus, Ciclo da Terra e Ciclo de Marte. Propoñémosvos ler teatro, e ademais en verso. Cada volume recolle varias pezas dramáticas dunha potencia desbordante (é outra cousa, o teatro en verso, ten unha sonoridade e unha resonanacia que non se conseguiría doutra maneira). É unha obra monumental (falamos de catro volumes) e moi densa, moi para ir de vagar.




Primeiros pratos

Comezaremos por unha recopilación de relatos do ano 1984, titulado xenéricamente Medusa, orixe da colección de narrativa do mesmo nome da Editorial Sotelo Blanco. Nel escriben Anxel Fole, Gonzalo R. Mourullo, Xosé M.Martínez Oca, Xoán Ignacio Taibo, Claudio Rodríguez Fer, Xaquín do Valle-Inclán, e X.Enrique Monteagudo. Unha edición feita con agarimo, ilustrada por Concha Pazo, en 113 páxinas que vos sorprenderán. Por se non tedes tempo ou non puidestes rematar a tempo os entremeses deste mes.





Teoría de Galicia. Obra xornalística en Vida Gallega (1926-1963), RAMÓN OTERO PEDRAYO (Galaxia- Alvarellos, Santiago, 2007). 391 pp. Recopilación de artigos cunha introducción de Marcos Valcárcel. Transcribimos a Don Ramón:
" Eu teño fe no pobo. ¿Que se le vai facer? Supoño que haberá dereito a ceibarse do xeometrismo inspirador da ideoloxía da Gaceta Literaria. E sentir a materia rebento xerminal, insospeitado do pobo ignorante de teoremas, de cristiás marxinacións matemáticas e desa protección na que quere pechar ó mundo a mocidade da Gaceta. Proxección de Mercator"
¿Temos ou non temos fe no pobo?
¿Son o non son actuais estes artigos?
Comentarios ao final da entrada



Segundos Pratos


La marca del agua de SANTIAGO PALMEIRO (Deputación Provincial deOurense, 2009), 404 pp. Novidade que chegou recentemente á biblioteca, este libro novela o drama da expulsión da xente pola construcción de encoros, a desaparición da aldea, o traslado, e indaga no proceso que se viviu en moitas das nosas aldeas desde o anuncio da construcción ata o desaloxo. Sen entrar na súa calidade literaria, aquí tedes un testimonio ou unha lembranza do que se lles puido pasar pola cabeza. Un tema que tampouco caduca.





Brigada Lincoln, de JAVIER GUZMÁN, Linteo, Ourense, 2000, 358 pp. Esta novela, escrita en castelán e gañadora do X premio Torrente Ballester de Narrativa. Personalmente me encanta o estilo, unha especie de xogo continuo coa linguaxe e un ritmo que non se perde. Ritmo como musicalidade, como cadencia. Humor, intriga, pensade que as noites son longas e que vades precisar unha novela de estas que se deixa ler, que te leva e te sonríe. Unha edición estupenda, ademais, como todas as de Linteo. Espera por vós na biblioteca.




Sobremesa



Crónicas da represión lingüística. Libro + DVD . Unha crónica audiovisual de Xan Leira. Coa colaboración fotográfica de José Luis Abalo. Interveñen, entre outros, Xesús Alonso Montero, Antón Costa Rico, Henrique Monteagudo, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Xosé M. Fernández Cid, Francisco Fernéndez del Riego... etc. Hai cousas que convén non esquencer.







Menú infantil


Max e Moritz. Historia de dous pillos en sete trasnadas, de Wilhelm Busch, Linteo, Ourense, 2001. Poderiámolo recomendar polas ilustracións, pola fermosa edición ou polo humor que seguramente comprenderán mellor os vosos fillos ca vós. Pero ímolo recomendar pola calidade da traducción de Luciano Fernández de Sanmamed que permite gozar da rima durante todo o texto. Máis risas para os pequenos, que conectan enseguida coa rima consonante, e unha porta que lles abrimos para o disfrute da poesía e da musicalidade do texto. Comeza así: !!ai Señort, o que se escoita/ e a falar e ler se adoita,/ sobre pillos falcatrueiros,/malmandados e argalleiros!!/ como estes dous malvados;/ Max e Moritz son chamados."

viernes, 16 de octubre de 2009

Obradoiro de postais de Nadal

O concello de Parada de Sil organiza un ano máis o obradoiro de postais de Nadal, para que cada veciño e veciña reciba na súa casa unha postal feita a man. O obradoiro, que xa ten tradición, comezará o vindeiro xoves 22 de Outubro e terá lugar semanalmente, no edificio do Concello, de 16:30 a 18:30. Animádevos a participar!

viernes, 9 de octubre de 2009

NOVO INTERCAMBIO DE LIBROS

O vindeiro 24 de Outubro, Sábado, celébrase o Día da Biblioteca, así que en Parada propoñémosvos que reservedes ese día (ou o seguinte, Domingo) para facernos unha visita, pero desta vez, teredes que vir á biblioteca con libros baixo o brazo: facemos un novo troco de libros. Traedes os que xa non leades ou os que consideredes que deben saír do voso andel para andar mundo, e cambiádelos por outros.
Ante a crise, intercambio.

Podedes vir, como todas as fins de semana, de 10 a 14:30 pola mañá e de 16 a 19 pola tarde.

Para todas e todos, nenos, adultas e anciáns.

sábado, 3 de octubre de 2009

OS FIADEIROS DA BIBLIOTECA

QUEN O SEU FILLO CRÍA, BOA ROCA FÍA
MULLER QUE FÍA DE PÉ, NUNCA BOA É
Xa comezaron os fiadeiros da biblioteca. O Próximo, para o venres 16 de Outubro (3º venres de mes). Ás 6 da tarde na biblioteca.

viernes, 2 de octubre de 2009

RECOMENDADOS DE OUTUBRO

Irá vindo o outono, amigas e amigos, irán vindo as noites longas, que non vos collan sen libros na man. Un para picar, un primeiro, un segundo e unha sobremesa, aquí vai o menú completo suxerido para Outubro:

Entremeses

34 burros e 343 pedras para James Sacré, Coordenado por Celso Fdez. Sanmartín (2003). A ver como o presentamos. Recolle un proxecto interxeneracional precioso, desenvolto en Lalín, onde nenos e nenas de educación infantil desfrutan na residencia de anciáns debuxando xuntos, recibindo os poemas que James Sacré escrebe para eles, inclúe os debuxos, os poemas, a partitura do grupo Grodan de Flo especial para a ocasión, a memoria da actividade. Un inclasificable de luxo.





Primeiros pratos:

Cogomelos de Galicia, J.M.C. MARCOTE, M.POSE, J.M. TRABA, Xunta de Galicia, 2005.
Guía fotográfica de cogomelos, aínda que non chovera aínda, supoñemos que choverá e que poderemos, un ano máis, disfrutar da gastronomía que o noso entorno nos ofrece. Toca coller un cesto e pasear monte, desde a biblioteca poñemos a guía para dúbidas de última hora, o resto poñédelo vós.






A Cociña de Outono. Recetario estacional da cociña galega.
PEPE IGLESIAS. Xerais, 1994.
E aquí tedes o libro de receitas para o que veña no cesto. Para iso, ou para outros ingredientes que o outono vai ofrecernos. Que aproveiten (a lectura e o xantar).






Segundos pratos


Consumir menos, vivir mejor. TONI LODEIRO. Txalaparta, Tafalla, 2008, 495 pp.

Atención a este libro, unha guía completísima sobre consumo consciente, unha xoia, levádeo a casa e botádelle un ollo. Pensade nel como unha guía mais que como unha lectura máis. Adicado a todas as persoas que decidimos ser parte da solución e non do problema. Ou non veñades por el se non queredes, podedes consultalo desde a casa por internet:

www.nodo50.org/consumirmenosvivirmejor

Seguiremos falando del, agora que imos ter un obradoiro de consumo responsable aquí en Parada. Informarémosvos das datas.


Diario 1921. Francia-Bélxica-Alemaña. CASTELAO. Galaxia- Museo de Pontevedra, 1977.
O diario que Castelao escribiu na súa viaxe de xaneiro a novembro de 1921 por Europa. Toda a visión persoal de Castelao sobre as creacións estéticas que atopa, Europa vista con ollos galegos en 1921. Inclúe ilustracións propias e alleas.







Sobremesa

Veña Carrabouxo! XOSÉ LOIS. Deputación de Ourense, 2009.430 pp.
A ver a quen lle amarga este dóce. Non vos teñen desperdicio, como sempre o carrabouxo. Porque lembrade que rir é a actividade corporal que máis músculos move, a que desintoxica, hidrata e tonifica gratis e sen efectos secundarios.


Menú infantil

A meiga Dona Paz. ANTONIORROBLES. Edicións do Castro, 1980. 93 pp. Recomendámosvos desde aquí este contiño no que ocorren cousas extraordinarias, como que os soldados falen co enemigo e decidan volverse á trincheira a xogar. Un libro que gañou en 1963 o primeiro premio do Comité Anglo-americano pro Nacións Unidas de México, que nunca está de mais que nos contos os enemigos xoguen xuntos . E nunca está de mais repensar a guerra, nin é demasiado cedo para facelo.


viernes, 25 de septiembre de 2009

NOVO BLOG LITERARIO

Temos novo blog que recolle a creación literaria (que a hai) na Ribeira. Está arrancando, é unha plantiña nova que haberá que protexer do sol no verán e da xeada no inverno. Creación literaria e crítica literaria, para as vosas inquietudes, para que os vosos textos vexan a luz dixital e paseen mundo. Para que leades o que se escribe desde aquí e sepades que se le por aquí.

http://letrasenpataos.blogspot.com

miércoles, 23 de septiembre de 2009

OS FIADEIROS DA BIBLIOTECA


Chega o outono, amigas e amigos blogueiros, hai que se meter na casa e hai que aturar as noites que xa van medrando, así que imos entreter os seráns fiando, falando, lendo, cardando e disfrutando a veciñanza. Fiaremos lá con fuso, como se fixo aquí de sempre, co cesto da media e mellor en compañía. Pero farémolo aproveitando para ler, para falar, para disfrutar da biblioteca, cambian os tempos e tamén os fiadeiros cambian. Vide fiar á biblioteca , os primeiros e terceiros venres de cada mes, de seis a oito da tarde, sepas ou non sepas, ven.

martes, 15 de septiembre de 2009

Cambio de horario

Preparándonos para o cambio de estación, empezamos por cambiar o horario de apertura. Estamos os luns e martes de 4 a 6 da tarde, o resto da semana (mércores, xoves e venres) de 10:30 da mañá a 6 da tarde e os fins de semana das 10 ás 2:30 e de 4 a 7:30.

Estade atentas este mes ás actividades da biblioteca agora que todas e todos temos mais tempo e as noites van medrando, anunciarémolas neste blog.
(lembrámosvos que aquí abaixo hai un cadradiño onde podedes colocar os vosos comentarios, así que estaremos atentas ás vosas ideas para actividades posibles)

miércoles, 2 de septiembre de 2009

Recomendados para Setembro

Entremeses


Archivos de la memoria y el mar de MIGUEL MOSQUERA PAANS, con debuxos de ACISCLO MANZANO. (Armonía Universal, Ourense, 2008), 67 pp. Quizais non vos guste se non vos gusta o tema intimista en poesía, pero noutro caso, vide boterle un ollo, poñamos aquí unha pequena degustación do que este autor pode ofrecernos: "Esta noche el aliento se me corta/de negro y de camino. (...)/Hartura y hambre:/Saciedad de deseos, necesitado de ganas"

Canta de lonxe o corazón do tempo
de MANUEL CASADO NIETO (Galaxia, Vigo, 1969), 98 pp. Editado na colección Salnés, paga a pena botarlle o ollo a este autor do Castro, pai do que foi tamén poeta Xosé Manuel Casado, un libro escrito desde Barcelona coa Terra de Caldelas na lembranza: "Cando me sinto confundido coa serra lonxana,/cos soutos i as debesas/graves como un antergo abade;/cos outeiros de xestas e carqueixas,/ríspetos, serios, coma compre aos probes;/co val ribeirán, tan ledo e cantareiro,/vizoso de preixegos, de pavías, de viño;/ coas encostas en sucalcos de laboura circense;/coas penas irtas da golga do regato:/ Entón eu penso que todo é noso,/que o de estar lonxe é un pesadelo fuxidío,/(...)e penso que a Terra son eu, é a miña muller, son os meus fillos./E que todos nós somos iso: a Terra"

Primeiros pratos

Era tempo de apandar de RAMÓN DE VALENZUELA (Akal, Madrid, 1980) 187 pp. Relato autobiográfico da represión na primeira postguerra, traballos forzados nas minas de wolfram, corrupción do aparato franquista e gardas civís. Continuación de Non agardei por ninguén, vaivos o comezo do relato, para abrir boca: "Estábame agardando a parexa da Garda Civil que me recibeu dos carceleiros como quen recibe unha mercaduría, con albarán e todo, da que tén que coidar pra que non se lle destrague e pra que se lle non perda".... (se queredes continuar, pasádevos ao papel)

Voo de noite de ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY (Xerais, Vigo, 1989), 97 pp. "Pensa no piloto: Eu sálvoo do medo. Non o ataco a el, senón, a través del, a esa resistencia que paraliza ós homes perante o descoñecido. Se o escoito, se o compadezo, se tomo en serio a súa aventura, el crerá que volta dun pais de misterio, e só ó misterio se ten medo. Cómpre que os homes descendan a ese pozo escuro e, ó remontáreno, digan que non atoparon cousa. Cómpre que o home descenda ó máis íntimo corazón da noite, no medio da súa espesura, e mesmo sen esa lampadiña de mineiro que non dá luz mais ca ás mans ou á á pero que arreda o descoñecido a unha braza de distancia". Nacido dunha traumática experiencia persoal, paga a pena volver a este relato publicado en Francia en 1931. Hai menús que non caducan.

Segundos pratos

Atreverémonos a recomendar filosofía? Pois sí, aínda a risco de agotar as nosas existencias e de non dar atendido as vosas demandas. O pasado mes recibimos como donación unha colección de filosofía coa que podemos darvos unha oferta bastante competente de clásicos, que sempre fan falta de vez en cando, e de autores do século XX como Kuhn, Feyerabend, Marcuse, Ayer, Bakunin, Theilard de Chardin, Lukacs, Russell, Popper... Podedes consultar os fondos da biblioteca en filosofía aquí

Postres

Este mes vai de clásicos: de postre recomendamos o libro de estampas de Castelao que inclúe os álbumes Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos (A Nosa Terra, Vigo, 1995). Cómpre non esquecer, por se acaso. Como postre, que sexa despois dun xantar lixeiro, remexe a conciencia e o corpo. Debuxadas en 1937 e 1938: "Estas estampas, arrincadas da miña propia door, van dirixidas a vós que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruir o fogar desfeito", escrebe Castelao no álbum de Galicia mártir.

Menú infantil

Xa que hai que poñerse as pillas de novo coa escola, sacamos do andel dous libriños para os mais novos aprender idiomas, neste caso Inglés. Trátase das respectivas edicións de Pinocchio e Heidi de Sotelo Blanco en formato cómic, pero, ollo, movendo unha pestana na parte superior das follas os textos aparecen alternativamente en inglés e galego.

miércoles, 19 de agosto de 2009

Cousas que facer en Agosto

Este Agosto, atentas e atentos ás citas:

Esta fin de semana, en Parada de Sil poderedes ver a exposición das fotografías participantes no concurso "Visións de Parada de Sil", con fotografías de moita calidade. A entrega de premios será o venres 21 ás 8 da tarde na casa do Concello.
O Sábado 22 teremos xogos tradicionais, diante da Biblioteca, para nenos (aro, tres en raia, muíño, billarda....) e para maiores. A estrela serán os bolos tradicionais de Parada de Sil. (mais info sobre os bolos en http://www.ourodosilac.org/bolos.html )

E o Domingo 23 a carreira por montaña, podedes vela desprazándovos en coche no seguinte itinerario: Entrambosríos- Espiñas-Trigoás-Teimende-Requián-Monte Meda-Couto-Caxide-Castro-Portela-Concello (Saída ás 9 da mañá)

Todo eso se non pasastes a fin de semana no Ponte Louco en Castro Caldelas, botádelle un ollo ao programa no blog do ponte louco

E a partir do luns traemos á biblioteca a exposición de fotografías e poemas de Uxío Novoneyra, que estará ata o 7 de Setembro.

O martes 25, presentación do documental dirixido por Patxi Bisquert TERRA DO MILLO, no que participan varios artistas locais, arredor dos felos e da historia do Val de Maceda. Ao remate haberá coloquio, e é un traballo que da que falar. Ás 8 da tarde na biblioteca.

Esperamos vervos!!

lunes, 10 de agosto de 2009

Novo horario ata o 15 de Setembro

En Agosto, mais. Temos a biblioteca aberta todos os días de 11 a 3 e de 4 a 8, os horarios xa non son excusa para non acercarse, esperámosvos, grandes e pequenos/as.

sábado, 1 de agosto de 2009

Recomendados para Agosto


Entremeses


Este mes traemos un buffet degustación, composto por cadernos Amastra-N-gallar, editados por Emilio Araúxo, donados por Emilio Araúxo á biblioteca, con fotografías sempre impactantes del mesmo, e entre os cales nos atreveríamos a calificar de imprescindibles "Burato" de John Berger, "Os soños de Neanderthal" de Itxaro Borda, "Vinte preguntas que me arrepinto de non lle ter feito ao meu pai" de John Felstiner, ou o hilarante "Le Pen é francés? de Jacques Roubaud. Ademais dunha colección de cadernos que xiran en torno ao tema da máscara e en concreto dos felos de Maceda. Poetas de todo o mundo escriben a propósito de fotografías do propio Emilio Araúxo dos felos. Recollemos uns versos de Yu Jian (poeta chinés): "Ou Deus xa cortou o cordón umbilical/ quén nos pode axudar a quitar as máscaras"...

Mais, na biblioteca.


Primeiros pratos

A cociña do verán, receitario estacional da cociña galega, de PEPE IGLESIAS (Xerais, Vigo, 1995), 316 pp. A ver se comer galego vai ser quedarnos no de sempre. Un receitario cun limiar que fala pestes das fritangas e moi ben de novos ingredientes como as algas, ensaladas, escabeches, etc.etc. 250 páxinas de receitas que inclúen indicacións para a presentación do prato, viños recomendados, etc.

Short Cuts (Vidas cruzadas) de RAYMOND CARVER (Anagrama, Madrid, 1994), 179 pp. Nove contos que moitos coñeceredes, nos que está baseada a película de Robert Altman. Historias inquietantes, absorbentes, historias que fican na memoria, historias para reler nun Agosto calquera.


Segundos pratos

Herreros y alquimistas de MIRCEA ELIADE (Alianza, Madrid, 1996, orixinal francés de 1956), 200 pp. Mircea Eliade, rumano "cosmopolita", analisa neste documentadísimo estudo a relación da humanidade coa metalurxia, desde a idade do ferro e os primeiros forxadores de ferro meteorítico e polo tanto sobrenatural, ata a alquimia. Un ensaio no que conflúen a maxia, a relixión, a antropoloxía, para resultar fascinante.

Belladona, de HUGO CLAUS (Anagrama, Madrid, 1996), 315 pp. Empeza así: "Dos cosas preocupaban al ministro aquella mañana, su peso y la muerte". Con ese comezo, escríbese unha novela implacable coa política cultural de Flandes (exténdase a calquera lugar de Europa), onde os seus personaxes merodean desbordantes de humanidade, de desexos de poder ou de diñeiro, axexando o proxecto dunha película sobre Brueghel.

Postres

ACT IVIDA DESC ULTURAIS, de EMILIO ARAÚXO (Amastra-n-gallar, Santiago de Compostela, 2006). O abandono dunha cociña, fotografado durante vinte anos (1986-2006) aporta o material para este poema visual onde os detalles, a reiteración e a forza mesma das imaxes crean un ritmo poético para falar do abandono, do paso do tempo, pero sobre todo, dunha imaxe tenra dun modo de vivir. O título entenderédelo despois de miralo (aquí nunca contamos o final).




Menú infantil



Ana la de las Tejas Verdes de L.M. Montgomery (Emecé, Barcelona, 1995), 286 pp. Recomendado por Sabela, un libro moi divertido que ten ademais o alicerce de estar ambientado nos principios do Seculo XX, para contar as aventuras dunha nena orfa, pencosa, traviesa....

viernes, 10 de julio de 2009

NOVO HORARIO

A partir de agora a biblioteca estará aberta os luns de 4 a 7 da tarde e de martes a domingo de 11 a 2 pola mañá e de 4 a 7 polas tardes. Os venres e os sábados ata as 7 e media, así que xa podedes vir á hora que mais vos conveña.

Esperámosvos!

viernes, 26 de junio de 2009

II Concurso Fotográfico Rosa Pons Fábregas

Baixo o lema "Visións de Parada de Sil", está convocado o II Concurso fotográfico, para obras inéditas, como máximo 3 series de 2 fotografías , técnica e tema particular libres, versando sobre o tema xenérico "visións de Parada de Sil".

A data límite de presentación será o 10 de Agosto de 2009 na casa do Concello de Parada de Sil.
O fallo faráse público o 17 de Agosto.

Outorgaránse dous premios, o Primeiro Premio de 1000 Euros para a mellor serie e un Segundo Premio de 500 Euros á mellor fotografía.

Lugares hainos abondo en Parada de Sil para lucirse coa cámara, así que ! A buscar imaxes!

mais info:
www.paradadesil.com
www.ourodosilac.org

jueves, 25 de junio de 2009

Recomendados para Xullo

E en chegadas as tardes de calor, este mes xa temos tempo para coller un libro pola sesta, quen di un di dous ou tres...

Entremeses do mes de Xullo


Exercicios de estilo, de RAYMOND QUENEAU (Xerais, Vigo, 1995, orixinal francés de 1947), 164 pp. Conta un suceso breve en 99 formas diferentes. Preciosista, Gastronómico, Macarrónico, Lipograma, Ampuloso, Vulgar, táctil, visual, auditivo.... Así ata 99. Inclúe o texto francés, o que non inclúe é de ónde sacou este home tanto enxeño, moi divertido.

Costa da morte blues, de MANUEL RIVAS, (Xerais, Vigo, 1995), 93 pp. O libro ten uns anos, os que permiten darse conta de que a poesía non caduca. Son dunha sensibilidade profunda. Vaivos o inicio do poema "Madrid": "Non lanzarei un puñado da miña terra contra ninguén./Ademais, non levo terra fresca./Vou tan baleiro coma un vello sen televisor"



Primeiros pratos


Confusión e morte de María Balteira, de MARICA CAMPO (Bahía Edicións, A Coruña, 1996), 135 pp., libro de relatos que vai agora pola terceira edición, introdúcenos nun universo máxico e moi feminino, moi enraizado tamén no noso imaxinario colectivo, onde a chuvia, por exemplo, posúe aos homes de Valcavado mentres as mulleres senten ciumes dela... Todos os relatos posúen esa especie de maxia telúrica que confunde ou mellor integra a xente co mundo. Lédeo, non defrauda.

Como unha novela, de DANIEL PENNAC (Xerais, Vigo, 1993), 157 pp. Un ensaio brillante que se le como o seu propio título indica. Unha reflexión sobre a lectura que empeza propoñendo que temos dereito a non ler, a reler, a deixar a medias, a saltar páxinas, a ler en calquera sitio.... Recomendado especialmente para os que pensan que deberían ler mais, para lle curar de vez os remorsos, e para nais e pais que intentan fomentar o hábito lector, e ás veces producen o efecto contrario. Detédevos e lédeo primeiro, antes de que o dano sexa irreversible. Un libro divertidísimo e completamente lúcido.


Segundos pratos

O libro da auga de XOSÉ CHAO REGO (Cadernos do Seminario de Sargadelos, Sada, 1995), 499 pp. Todo un segundo prato. Un ensaio que repasa con amplitude o simbolismo profundo da auga (primeira parte: o sentimento oceánico). Desde cuestións fisiolóxicas a Tales de Mileto pasando pola ecoloxía fetal. Non se agota aquí: auga e cultura (segunda parte) empeza repasando culturas arredor da auga, desde o Nilo e o Xordán, ata Galicia; para na terceira parte contemporaneizar e falar da auga como poder, da economía da auga e da auga e saúde. Un luxo.

El fin de la edad de plata e Nueve enunciaciones de JOSE ANGEL VALENTE. (Tusquets Marginales, Barcelona, 1995). 160 pp. Publicado por primeira vez en 1973, breves textos de aguda intelixencia, para repensar o pensado, para rir, para resistir á doma do pensamento.

Postres

Dossier Galicia, dossier da revista Ars Nova mediterránea adicado á arte galega contemporánea. Do ano 2000. Inclúe un cd con reseña e obra de 60 artistas galegos. O debate do post-atlantismo. Paga a pena, pese a saber que xa choveu, e que o panorama mudou.


Menú infantil

Xoguetes e sons da natureza, Jaime López Picallo (Coord.) (Xunta de Galicia, 2000), 92 pp. Catálogo de xoguetes e instrumentos musicais feitos con materiais naturais. Imprescindible se vades estar este verán cos nenos neste noso recuncho. Instruccións para construílos, eles sós ou coa vosa axuda se son pequenas/os. Aos avós encantarálles, ampliarán o catálogo, seguro. Uns exemplos: asubíos, carrizos, barquiñas, astrágalos (as tabas), carro feito con patacas ou nabos, espada, rodicio, billarda.... unha opción estupenda para pasardes boas tardes de verán cos pequenos.

Jamalají-Jamalajá, de JORDI SIERRA I FABRA (SM, Madrid, 1995), 133 pp. da serie dos libros de Víctor y Cía, un gran lío no que se mete Víctor para ver ao seu ídolo Bruce Springteen, a partir de 12 anos, divertidísimo.

sábado, 13 de junio de 2009

Recomendados de Xuño

Aquí ven o menú especial de letras para o mes de Xuño. Así sen querer saiunos todo moi breve, pensando nos que non tedes tempo ou repartides o tempo entre outras moitas cousas ou non queredes que os libros pesen, como as mantas da cama. Son todas obras de soster cunha man, pero eso si, densas e con fundamento, que é o que interesa.


Entremeses


Poemas de Amor, de JAMES LAUGHLIN (Linteo, Ourense, 2007), 140 pp. Unha edición estupenda para os poemas deste "Catulo americano", com o define o prólogo. Unha edición bilingüe inglés- castelán que vos vai deixar disfrutar do ritmo orixinal dos poemas, poemas sinceiros, intelixibles, directos, un entremés delicioso, digamos unha aspirina literaria.

Contornos, de XAVIER QUEIPO (Xerais, Vigo, 1995), 93 pp. Co subtítulo de "Apuntes de Filosofía Natural", pouco mais se pode dicir. Fala de abellas, caracois, tigres e arañas e está falando de nós, está facendo sátiras contemporáneas (empezar falando do sexo mudable dos peixes e rematar na guerra de Bosnia, por exemplo). Con debuxos de Fausto C. Isorna. Unha colección de textos breves para ler en calquera momento.

Primeiros Pratos

La Presa, de KENZABURO OÉ (Anagrama, Barcelona, 1994), 114 pp. Novela breve e perturbadora deste premio Nobel xaponés que non ten nada de sádico pero ten unha intensidade tal que cando a acabas de ler mais ben parece que viches un filme en pantalla grande. Autor coñecido e moi recomendable.

As chaves do tempo, de LUISA VILLALTA (A Nosa Terra, Vigo, 2001), 125 pp. no tempo en que había reis na Galiza, unha muller escrebe desde un castelo unha historia de maxia e cabaleiros e certas chaves que traerán ou non a fortuna. Unha historia escrita por mulleres que decorre lixeira cara un final inesperado. O bon, se breve...


Segundos pratos

Notas sobre estética e arte popular, de MANUEL FACAL (Espiral Maior Ensaio, A Coruña, 1995), 78 pp. Ímoslle ceder a palabra ao autor: " xa é tempo de entrar no escenario rural galego e tomalo como soporte de experimentación e educación (...) Entendamos pois a necesidade dunha campaña de caoncienciación sobre os mais altos valores estéticos e sociais que se atopan no campo galego"

Historia dunha agricultura sustentábel. Transformacións productivas na agricultura galega contemporánea, de DAVID SOTO FERNÁNDEZ (Consellería de medio rural, 2006), 522 pp. Este sí que pesa. Tese de doutoramento que con rigor necesario non deixa de ser amena en ningún momento. Aporta datos moi interesantes, por exemplo cuantifica as achegas de fertilizantes orgánicos e inorgánicos en función de causas de dispoñibilidade de transportes ou financiamento, a pegada da guerra civil na agricultura, o franquismo e a repoboacións forestais, etc. Imprescindible para entender o campo galego hoxe. Programádeo para as vacacións.

Menú infantil


Encontros ás agachadas de CONCHA BLANCO, con ilustracións de DAVID PINTOR. VI Premio de literatura infantil e xuvenil "Pura e Dora Vázquez" (Deputación de Ourense, 2009), 115 pp. Unha historia de aventuras protagonizada por Kano-3, unha rapaza que soña con coñecer a Terra a bordo da nave na que cruza o espacio. A partir de 10 anos e para os que non lles importe a letra pequena.

sábado, 23 de mayo de 2009

Presentado o libro adicado a Rosa Pons


O pasado sábado 16 de Maio, no transcurso do homenaxe que o Concello rendeu a Dona Rosa Pons, presentouse o libro "Rosa Pons i Fábregas, unha mestra europea en Parada de Sil. Conversas co seu fillo Camilo", de Xosé Manuel Cid.



Xa está á vosa disposición na biblioteca


Novidades


Espazos naturais de Galicia / Augusto Pérez Alberti.-- Barcelona : Lunwerg editores, 2008.-- 214 p Fotografías de Xurxo Lobato










Entremiradas II- Galicia-Cuba / Maribel Longueira.-- A Coruña : Xunta de Galicia, 2009.-- 143 p

(Fotografía)







Historia General del Reino de Galicia Pascasio de Seguín.-- Madrid : Xunta de Galicia, 2007.-- 755 p (Reimpresión con gravados de la obra de
1750)










Fernando Bores Gamundi (Coord.): Casas de indianos. Pontevedra. Secretaría Xeral de emigración/ Consellería de vivenda e solo, Santiago de Compostela, 2009. (451 pp)

jueves, 21 de mayo de 2009

jueves, 14 de mayo de 2009

Menú do mes de Maio, mes das letras

Este ano celebramos o día das letras inaugurando este blog. Así que as suxerencias son todas en galego, incluindo traduccións. O próximo mes abrirémonos a cociña internacional.


Entremeses:

Terragrafías, de Anxo Cabada, colección de fotografías da xente do rural e textos (a maioría poemas) de autorías diversas, por exemplo éste de Anxo Angueira: "O sacho, Pinto, o sacho./ Vaia arma cargada de futuro./ Ben te vexo con el ben alto ó ombreiro..." Recén editado pola delegación de medio rural en Pontevedra, paga a pena botarlle un ollo, desde logo.

Os Papalagui, discursos de Tuiavii de Tiavea, Xefe Samoano, vaia clásico, editado en galego por edicións positivas, sen aqules debuxos da edición de Integral pero desde logo imprescindible se aínda non o lestes (e se xa o lestes, aproveitade para darlle unha segunda oportunidade, é inagotable): "Poderedes recoñecer tamén o Papalagui polo seu desexo de nos facer crer que somos pobres e miserables e que necesitamos de moita axuda e piedade, por non posuírmos "cousas"./ Queridos irmáns destas moitas illas: permitide que vos diga o que é unha "cousa". O coco é unha cousa, o matamoscas, o taparrabos, a cuncha, o anel...."


Primeiros pratos:

Grupo Abeliano, de Cid Cabido,( Xerais) se sodes clientes habituais da biblioteca xa o coñeceredes, pero se non, podedes probar a metervos nunha novela dubitativa entre os seis ou os sete, do estilo de "¿Ninguén ten nada que facer? / Mirámonos durante os segundos sen saber que dicir./ Moi ben entón pensemos algo para facer todos". Hai furanchos, tazas, gobernadores civiles e Banqueiros, unha lóxica desbordante e moito ritmo na novela. Tivo o premio Blanco Amor no ano 99, asegura diversión e un estilo que se parece a case nada.

Río de son e vento, unha antoloxía da poesía galega de César Morán (Xerais1999) non é a única antoloxía que podemos ofrecervos pero sí a máis completa quizais cronolóxicamente, da lírica medieval a Iolanda Castaño en 467 páxinas, así que xa tedes o instrumento de iniciación na nosa poesía, xa tedes un GPS en papel para orientarvos na historia e no disfrute da nosa literatura mais de repouso. Vaivos unha de Alfonso Pexegueiro, para abrir boca: "Bébeda de silencio, alí estás, flama, folerpa,/rota baixo a vixilancia das arañas, / escorregas na miña boca, foxes, /e perfil de colleita fágote gran..."(desnudo de muller en Seraogna)
:
Segundos pratos:

Fisteus era un mundo, de Lupe Gómez (A Nosa Terra, 2001) preséntase só co seu inicio, vos decidides se seguir lendo ou non: "Eu nacín nunha aldea pequena, Fisteus. Un lugar impresionante. Noto que hai como un medo na xente a decir que é da aldea. Eu tiven ese medo. Aínda non sei seguro se o superei. Habería que superar tantos medos..."

Un cuarto de seu, de Virginia Woolf, ensaio escrito en 1929 sobre o xénero sexual e o xénero literario, por unha muller que empezou a escribir na sala familiar, exposta a visitas, recados e diversa clase de urxencias domésticas (sóavos, verdade?), limitacións que quizais non estean hoxe tan superadas como deberan ¿ou sí?

Educar para a paz desde o conflicto, de Calo Iglesias, non é exclusivamente un libro para educadoras/es. Da revisión do concepto de conflicto, do medo que a nosa sociedade consensual lle ten ao conflicto, este veterano educador e activista da non violencia ofrece unha panorámica que vai desde o exame a fondo do conflicto interpersoal e o conflicto social (parte imprescindible do libro), ata a proposta de dinámicas na aula. Un segundo prato sustancial e ben preparado.

Postre:

Galegos na diáspora(1989-2009), de Delmi Álvarez, colección de fotografías de galegos e galegas espalladas polo mundo (ese que inclúe os cinco continentes, ese tan grande, ese que os galegos habitan en todos os seus recunchos). Gran formato, para alargar o postre con café e sofá e tertulia.


Menú infantil:

¿A que sabe a lúa?
de Michel Grejniec (Kalandraka), favorito do pequeno Camilo e favorito da súa nai, a historia dun grupo inverosímil de animais que cooperan para chegar á lúa e dun peixe sabichón que está de volta de todo. Toda unha metáfora. Precioso.