QUEREMOS ABRIR O APETITO POLA LECTURA

E para iso, mostrarémosvos aquí as nosas suxestións de cociña, un menú mensual con recomendacións para todos os gustos: para cando só apetece picar un pouco, para fartarse de historias, para alimentar coñecementos e o pensamento crítico, para repousar despois da fartura....

CADA MES, ENTRE OUTRAS NOVAS, PUBLICAREMOS AQUÍ AS NOSAS SUXESTIÓNS DE COCIÑA
e, por suposto, lembrade que sempre podedes acceder ao noso catálogo completo, para os/as que preferen ler á carta...

ver catálogo da biblioteca
Que agora sí, por fin, está completo e á vosa enteira disposición


viernes, 25 de septiembre de 2009

NOVO BLOG LITERARIO

Temos novo blog que recolle a creación literaria (que a hai) na Ribeira. Está arrancando, é unha plantiña nova que haberá que protexer do sol no verán e da xeada no inverno. Creación literaria e crítica literaria, para as vosas inquietudes, para que os vosos textos vexan a luz dixital e paseen mundo. Para que leades o que se escribe desde aquí e sepades que se le por aquí.

http://letrasenpataos.blogspot.com

miércoles, 23 de septiembre de 2009

OS FIADEIROS DA BIBLIOTECA


Chega o outono, amigas e amigos blogueiros, hai que se meter na casa e hai que aturar as noites que xa van medrando, así que imos entreter os seráns fiando, falando, lendo, cardando e disfrutando a veciñanza. Fiaremos lá con fuso, como se fixo aquí de sempre, co cesto da media e mellor en compañía. Pero farémolo aproveitando para ler, para falar, para disfrutar da biblioteca, cambian os tempos e tamén os fiadeiros cambian. Vide fiar á biblioteca , os primeiros e terceiros venres de cada mes, de seis a oito da tarde, sepas ou non sepas, ven.

martes, 15 de septiembre de 2009

Cambio de horario

Preparándonos para o cambio de estación, empezamos por cambiar o horario de apertura. Estamos os luns e martes de 4 a 6 da tarde, o resto da semana (mércores, xoves e venres) de 10:30 da mañá a 6 da tarde e os fins de semana das 10 ás 2:30 e de 4 a 7:30.

Estade atentas este mes ás actividades da biblioteca agora que todas e todos temos mais tempo e as noites van medrando, anunciarémolas neste blog.
(lembrámosvos que aquí abaixo hai un cadradiño onde podedes colocar os vosos comentarios, así que estaremos atentas ás vosas ideas para actividades posibles)

miércoles, 2 de septiembre de 2009

Recomendados para Setembro

Entremeses


Archivos de la memoria y el mar de MIGUEL MOSQUERA PAANS, con debuxos de ACISCLO MANZANO. (Armonía Universal, Ourense, 2008), 67 pp. Quizais non vos guste se non vos gusta o tema intimista en poesía, pero noutro caso, vide boterle un ollo, poñamos aquí unha pequena degustación do que este autor pode ofrecernos: "Esta noche el aliento se me corta/de negro y de camino. (...)/Hartura y hambre:/Saciedad de deseos, necesitado de ganas"

Canta de lonxe o corazón do tempo
de MANUEL CASADO NIETO (Galaxia, Vigo, 1969), 98 pp. Editado na colección Salnés, paga a pena botarlle o ollo a este autor do Castro, pai do que foi tamén poeta Xosé Manuel Casado, un libro escrito desde Barcelona coa Terra de Caldelas na lembranza: "Cando me sinto confundido coa serra lonxana,/cos soutos i as debesas/graves como un antergo abade;/cos outeiros de xestas e carqueixas,/ríspetos, serios, coma compre aos probes;/co val ribeirán, tan ledo e cantareiro,/vizoso de preixegos, de pavías, de viño;/ coas encostas en sucalcos de laboura circense;/coas penas irtas da golga do regato:/ Entón eu penso que todo é noso,/que o de estar lonxe é un pesadelo fuxidío,/(...)e penso que a Terra son eu, é a miña muller, son os meus fillos./E que todos nós somos iso: a Terra"

Primeiros pratos

Era tempo de apandar de RAMÓN DE VALENZUELA (Akal, Madrid, 1980) 187 pp. Relato autobiográfico da represión na primeira postguerra, traballos forzados nas minas de wolfram, corrupción do aparato franquista e gardas civís. Continuación de Non agardei por ninguén, vaivos o comezo do relato, para abrir boca: "Estábame agardando a parexa da Garda Civil que me recibeu dos carceleiros como quen recibe unha mercaduría, con albarán e todo, da que tén que coidar pra que non se lle destrague e pra que se lle non perda".... (se queredes continuar, pasádevos ao papel)

Voo de noite de ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY (Xerais, Vigo, 1989), 97 pp. "Pensa no piloto: Eu sálvoo do medo. Non o ataco a el, senón, a través del, a esa resistencia que paraliza ós homes perante o descoñecido. Se o escoito, se o compadezo, se tomo en serio a súa aventura, el crerá que volta dun pais de misterio, e só ó misterio se ten medo. Cómpre que os homes descendan a ese pozo escuro e, ó remontáreno, digan que non atoparon cousa. Cómpre que o home descenda ó máis íntimo corazón da noite, no medio da súa espesura, e mesmo sen esa lampadiña de mineiro que non dá luz mais ca ás mans ou á á pero que arreda o descoñecido a unha braza de distancia". Nacido dunha traumática experiencia persoal, paga a pena volver a este relato publicado en Francia en 1931. Hai menús que non caducan.

Segundos pratos

Atreverémonos a recomendar filosofía? Pois sí, aínda a risco de agotar as nosas existencias e de non dar atendido as vosas demandas. O pasado mes recibimos como donación unha colección de filosofía coa que podemos darvos unha oferta bastante competente de clásicos, que sempre fan falta de vez en cando, e de autores do século XX como Kuhn, Feyerabend, Marcuse, Ayer, Bakunin, Theilard de Chardin, Lukacs, Russell, Popper... Podedes consultar os fondos da biblioteca en filosofía aquí

Postres

Este mes vai de clásicos: de postre recomendamos o libro de estampas de Castelao que inclúe os álbumes Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos (A Nosa Terra, Vigo, 1995). Cómpre non esquecer, por se acaso. Como postre, que sexa despois dun xantar lixeiro, remexe a conciencia e o corpo. Debuxadas en 1937 e 1938: "Estas estampas, arrincadas da miña propia door, van dirixidas a vós que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda para reconstruir o fogar desfeito", escrebe Castelao no álbum de Galicia mártir.

Menú infantil

Xa que hai que poñerse as pillas de novo coa escola, sacamos do andel dous libriños para os mais novos aprender idiomas, neste caso Inglés. Trátase das respectivas edicións de Pinocchio e Heidi de Sotelo Blanco en formato cómic, pero, ollo, movendo unha pestana na parte superior das follas os textos aparecen alternativamente en inglés e galego.