QUEREMOS ABRIR O APETITO POLA LECTURA

E para iso, mostrarémosvos aquí as nosas suxestións de cociña, un menú mensual con recomendacións para todos os gustos: para cando só apetece picar un pouco, para fartarse de historias, para alimentar coñecementos e o pensamento crítico, para repousar despois da fartura....

CADA MES, ENTRE OUTRAS NOVAS, PUBLICAREMOS AQUÍ AS NOSAS SUXESTIÓNS DE COCIÑA
e, por suposto, lembrade que sempre podedes acceder ao noso catálogo completo, para os/as que preferen ler á carta...

ver catálogo da biblioteca
Que agora sí, por fin, está completo e á vosa enteira disposición


miércoles, 19 de agosto de 2009

Cousas que facer en Agosto

Este Agosto, atentas e atentos ás citas:

Esta fin de semana, en Parada de Sil poderedes ver a exposición das fotografías participantes no concurso "Visións de Parada de Sil", con fotografías de moita calidade. A entrega de premios será o venres 21 ás 8 da tarde na casa do Concello.
O Sábado 22 teremos xogos tradicionais, diante da Biblioteca, para nenos (aro, tres en raia, muíño, billarda....) e para maiores. A estrela serán os bolos tradicionais de Parada de Sil. (mais info sobre os bolos en http://www.ourodosilac.org/bolos.html )

E o Domingo 23 a carreira por montaña, podedes vela desprazándovos en coche no seguinte itinerario: Entrambosríos- Espiñas-Trigoás-Teimende-Requián-Monte Meda-Couto-Caxide-Castro-Portela-Concello (Saída ás 9 da mañá)

Todo eso se non pasastes a fin de semana no Ponte Louco en Castro Caldelas, botádelle un ollo ao programa no blog do ponte louco

E a partir do luns traemos á biblioteca a exposición de fotografías e poemas de Uxío Novoneyra, que estará ata o 7 de Setembro.

O martes 25, presentación do documental dirixido por Patxi Bisquert TERRA DO MILLO, no que participan varios artistas locais, arredor dos felos e da historia do Val de Maceda. Ao remate haberá coloquio, e é un traballo que da que falar. Ás 8 da tarde na biblioteca.

Esperamos vervos!!

lunes, 10 de agosto de 2009

Novo horario ata o 15 de Setembro

En Agosto, mais. Temos a biblioteca aberta todos os días de 11 a 3 e de 4 a 8, os horarios xa non son excusa para non acercarse, esperámosvos, grandes e pequenos/as.

sábado, 1 de agosto de 2009

Recomendados para Agosto


Entremeses


Este mes traemos un buffet degustación, composto por cadernos Amastra-N-gallar, editados por Emilio Araúxo, donados por Emilio Araúxo á biblioteca, con fotografías sempre impactantes del mesmo, e entre os cales nos atreveríamos a calificar de imprescindibles "Burato" de John Berger, "Os soños de Neanderthal" de Itxaro Borda, "Vinte preguntas que me arrepinto de non lle ter feito ao meu pai" de John Felstiner, ou o hilarante "Le Pen é francés? de Jacques Roubaud. Ademais dunha colección de cadernos que xiran en torno ao tema da máscara e en concreto dos felos de Maceda. Poetas de todo o mundo escriben a propósito de fotografías do propio Emilio Araúxo dos felos. Recollemos uns versos de Yu Jian (poeta chinés): "Ou Deus xa cortou o cordón umbilical/ quén nos pode axudar a quitar as máscaras"...

Mais, na biblioteca.


Primeiros pratos

A cociña do verán, receitario estacional da cociña galega, de PEPE IGLESIAS (Xerais, Vigo, 1995), 316 pp. A ver se comer galego vai ser quedarnos no de sempre. Un receitario cun limiar que fala pestes das fritangas e moi ben de novos ingredientes como as algas, ensaladas, escabeches, etc.etc. 250 páxinas de receitas que inclúen indicacións para a presentación do prato, viños recomendados, etc.

Short Cuts (Vidas cruzadas) de RAYMOND CARVER (Anagrama, Madrid, 1994), 179 pp. Nove contos que moitos coñeceredes, nos que está baseada a película de Robert Altman. Historias inquietantes, absorbentes, historias que fican na memoria, historias para reler nun Agosto calquera.


Segundos pratos

Herreros y alquimistas de MIRCEA ELIADE (Alianza, Madrid, 1996, orixinal francés de 1956), 200 pp. Mircea Eliade, rumano "cosmopolita", analisa neste documentadísimo estudo a relación da humanidade coa metalurxia, desde a idade do ferro e os primeiros forxadores de ferro meteorítico e polo tanto sobrenatural, ata a alquimia. Un ensaio no que conflúen a maxia, a relixión, a antropoloxía, para resultar fascinante.

Belladona, de HUGO CLAUS (Anagrama, Madrid, 1996), 315 pp. Empeza así: "Dos cosas preocupaban al ministro aquella mañana, su peso y la muerte". Con ese comezo, escríbese unha novela implacable coa política cultural de Flandes (exténdase a calquera lugar de Europa), onde os seus personaxes merodean desbordantes de humanidade, de desexos de poder ou de diñeiro, axexando o proxecto dunha película sobre Brueghel.

Postres

ACT IVIDA DESC ULTURAIS, de EMILIO ARAÚXO (Amastra-n-gallar, Santiago de Compostela, 2006). O abandono dunha cociña, fotografado durante vinte anos (1986-2006) aporta o material para este poema visual onde os detalles, a reiteración e a forza mesma das imaxes crean un ritmo poético para falar do abandono, do paso do tempo, pero sobre todo, dunha imaxe tenra dun modo de vivir. O título entenderédelo despois de miralo (aquí nunca contamos o final).




Menú infantil



Ana la de las Tejas Verdes de L.M. Montgomery (Emecé, Barcelona, 1995), 286 pp. Recomendado por Sabela, un libro moi divertido que ten ademais o alicerce de estar ambientado nos principios do Seculo XX, para contar as aventuras dunha nena orfa, pencosa, traviesa....